Denunciamos diante do Valedor a opacidade do goberno local
"O PSOE ten un problema coa transparencia, dío a Valedora do Pobo, que esta semana nos escribía para contarnos que acaba de facerlle un segundo requirimento ao goberno local para que explique estas irregularidades"
As licenzas de Betanzos HB e documentación sobre diversas contratacións de persoal entre a documentación que o goberno local non achega.
Betanzos, 14 de xullo de 2018. O BNG denunciou diante da Valedora do Pobo a negativa do goberno local a entregar a documentación necesaria para fiscalizar a súa acción de goberno. As nacionalistas optaron por presentar unha queixa diante do Alto Comisionado do Parlamento pola vulneración sistemática que o alcalde e o goberno municipal fan do seu dereito a acceder á documentación municipal. "O acceso á información é un dereito de cada concelleiro, é un dereito fundamental amparado polo artigo 23 da Constitución" recorda o portavoz municipal, Henrique del Río.
"O PSOE ten un problema coa transparencia, dío a Valedora do Pobo, que esta semana nos escribía para contarnos que acaba de facerlle un segundo requirimento ao goberno local para que explique estas irregularidades"
"Por regra xeral nin se nos responde nin se nos facilita a documentación" explica Del Río, que engade que adoita dar máis dos cinco días que a lei exixe para acceder á documentación. "Cando imos ás dependencias municipais para vela négasenos o acceso dicindo non ter indicacións do goberno para nola facilitar". “E iso que o Concello tramita por vía dixital os expedientes e achegárnolos supón só enviar un email”, explica graficamente o voceiro do BNG.
O BNG tamén denuncia diante do Comisionado pola Transparencia que o executivo local incumpre a Lei e a ordenanza sobre transparencia. "Resulta imposible obter do portal de transparencia municipal información sobre as contratacións alén das licitacións convocadas a través do “perfil do contratante”, imposibilitando o control ao goberno que a oposición temos encomendado" resume graficamente Del Río.
"O PSOE ten un problema coa transparencia", asegura o portavoz municipal do BNG. "Non o di o BNG, dío tamén a Valedora do Pobo, que esta semana nos escribía para contarnos que acaba de facerlle un segundo requirimento ao goberno local para que explique estas irregularidades", engade. "Até sete requirimentos tivo que facerlle no pasado o Valedor ao actual alcalde para que lle facilitase información que o PSOE se resistía a entregarlle, mesmo ameazándoo con declarar ao Concello entidade hostil co Valedor", recorda.
As licenzas de Betanzos HB e documentación sobre diversas contratacións de persoal entre a documentación que o goberno local non achega.
"Hai uns anos, cando presentamos unha queixa similar desde o goberno local tiveron a cara de responderlle ao Valedor que pediamos documentación e ver expedientes ‘para entorpecer’ ao goberno facendo ‘filibusterismo’”, lembra Del Río. "O problema non é que nos dea ou nos negue a nós un papeliño", ironiza Del Río. "O problema é que o goberno local pretende ocultar canto fai á veciñanza, dando conta só do que lle leva idea mentres manda notas de prensa sobre ordenanzas de transparencia que aproba e incumpre e sobre portais de transparencia que ten practicamente baleiros” explica. “Opacidade absoluta para seguir gobernando de costas á veciñanza, facendo o que lles peta e sen render contas publicamente”, conclúe.
Documentación sen achegar sobre contratación de persoal ou Betanzos HB
Entre a documentación que o BNG denuncia ter solicitado e que o executivo local non entrega figuran varios procesos selectivos para persoal municipal e informes que, supostamente e segundo o goberno local, nuns casos avalan a contratación de persoal sen ter creadas as prazas, como a patroa da lancha e os de reforzo nas festas, e noutros impiden contratar persoal en servizos de primeira necesidade.
"Só nos deron, desde que denunciamos, a liquidación e a conta xeral, e porque teñen que rendela canto antes para non ficar fóra de determinadas axudas públicas, mais logo de denunciarmos que se nos negaba á Corporación mentres o goberno local facía propaganda cos supostos bos números que daba", explica Del Río. "Aínda poderiamos engrosar máis a conta de documentación solicitada que se nos achega, posto que pedimos todas as licenzas de Betanzos HB para verificar que a actividade que desenvolve se axusta á licenza de actividade, entre outras cousas", relata.