O BNG acusa ao PSOE de escurantismo na convocatoria dun posto de traballo no Concello
O goberno do PSOE convoca unha praza con bases incompletas que só se podían obter no caso de ir solicitalas ás oficinas municipais.
O goberno do PSOE convoca unha praza con bases incompletas que só se podían obter no caso de ir solicitalas ás oficinas municipais.
Betanzos, 20 de xullo de 2011. O BNG pediu esta mañá a paralización dun proceso selectivo posto en marcha polo goberno local do PSOE para cubrir unha praza de auxiliar administrativo. Os nacionalistas indican que as bases que rexen a convocatoria non foron publicadas nin sequera na web municipal, polo que o proceso “vulnera as posibilidades reais para acceder á convocatoria en igualdade de oportunidades”.
No escrito rexistrado esta mañá o Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río, indica que as bases non recollen as características, cometido e retribucións do posto “e nin sequera se recollen os elementos mínimos que a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia marca para as convocatorias das probas selectivas”.
Os nacionalistas censuran ao goberno de Ramón García que non trasladase a convocatoria e as bases ao comité de empresa, como é preceptivo. Este feito xa motivou tamén que a CIG, central sindical que conta con maioría absoluta no comité de empresa do Concello, exixise tamén a paralización do proceso e a súa renegociación desde o inicio. Algo que a tenor dos feitos do goberno local o PSOE non fixo.
Debido a todas as tachas que atopa no proceso, o BNG exixe ao goberno municipal do PSOE que “se paralice o proceso selectivo para solventar os vicios denunciados e renegociar as bases da convocatoria co comité de empresa”. Os nacionalistas reclaman que nesta revisión se atendan “todas as indicacións do ordenamento vixente garantindo a igualdade de oportunidades para poder acceder a un posto de traballo no Concello de Betanzos”.