O BNG critica que a conta xeral dea un déficit de 173 422,75 euros
O BNG denunciou a manipulación das cifras da conta xeral do 2012, que onte presentou no Pleno o goberno local do PSOE. Nas festas, o goberno local do PSOE gastou no 2012 uns 214 000 euros por riba do orzamentado tan só na partida de festexos.
Betanzos, 28 de agosto de 2013. O BNG denunciou a manipulación das cifras da conta xeral do 2012, que onte presentou no Pleno o goberno local do PSOE. Os nacionalistas denuncian que a conta dá un déficit de 173 422,75 euros. Isto non o recoñeceu o concelleiro de Facenda no Pleno até que o denunciamos desde o BNG, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Contra o que anuncia triunfalistamente o goberno do PSOE, o investimento caeu de 723,76 euros por habitante en 2011 a 62,05 no 2012, explica o portavoz do BNG. Isto supón que se baixa o investimento municipal do 19% ao 11%, e polo tanto é mentira que o PSOE aumentase as inversións, denuncia.
Na única cousa que non mentiu o goberno do PSOE é na redución do endebedamento, pero non como consecuencia da súa acción de goberno, ironiza Del Río. O endebedamento minguou porque o goberno local tivo que facer fronte á cota correspondente dos créditos que ten o Concello, explica. Non puido aumentar
a débeda porque o incumprimento do plan de saneamento económico do Concello por parte do PSOE impide contratar novos créditos para inversións, engadiu.
O BNG advirte, ademais, que o goberno do PSOE disparou o gasto en protocolo, propaganda e festas en contra do que di. Gastaron 23 000 euros por riba do orzamentado en protocolo e outros 13 000 en propaganda, indica o voceiro nacionalista, que recorda que o BNG xa asegurou que os gastos en publicidade e protocolo do orzamento xa eran escandalosos.
Nas festas, o goberno local do PSOE gastou no 2012 uns 214 000 euros por riba do orzamentado tan só na partida de festexos. A esta cantidade hai que sumarlle outras, como 4400 euros de festexos populares ou 19 000 de estudos e traballos técnicos no programa de festas, explica o edil nacionalista.
Parécenos vergoñento que no momento no que estamos as prioridades do goberno local sexan gastos en festas, autobombo e protocolo, que non deixan de ser paparotas, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.
No tocante aos ingresos, é mentira que o PSOE conseguise recadar o 99% das previsións como aseguran. De feito, a execución do orzamento de ingresos só chega ao 85%, indica, e na taxa das terrazas prevían ingresar 15 000 e só recadaron 4309,70, e apesar desto aproban unha amnistía fiscal para os bares do Campo.
Os nacionalistas entenden que fica demostrado que o orzamento do 2012, aprobado por PSOE e CxB en outubro, estaba completamente fóra da realidade, como demostra que en 3 meses de vixencia precisase 33 modificacións, a 11 por mes.
Polo tanto, o BNG acusa ao goberno local do PSOE de pretender enganar á veciñanza cun discurso de política-ficción cunha conta xeral que demostra que está levando a cabo exactamente as mesmas políticas que levou o PP hai dous anos e medio, e que ten as mesmas prioridades que antes criticaba ao PP.