O BNG denuncia que o PSOE oculta o verdadeiro custo da privatizacion do cemiterio
Co que xa levan gastado van 3593,70 euros até o mes de xuño, que pasa xa dos 3000 que leva o orzamento para todo o ano e que evidentemente non chega, e aínda encima o PSOE pretende tomarnos o pelo dicindo que o orzamento é realista e axustado ás necesidades
Betanzos, 22 de xullo de 2014. O BNG denunciou que o goberno do PSOE oculta á veciñanza o verdadeiro custo de privatizar servizos. O voceiro nacuionalista, Henrique del Río, denunciou onte no Pleno que o PSOE suprime cos seus orzamentos os cartos para cubrir as baixas no cemiterio.
Na RPT aparecen 2 prazas de operario de cemiterio. Na relación de postos só 1. No orzamento 0 euros, é dicir non hai un peso para persoal do cemiterio denunciou o edil nacionalista. Así está como está, claro, enfatizou.
Sen embargo, desde o BNG advirten que as contas presentadas onte polo PSOE si reservan cartos para vestiario, desprazamento, gasoil dun persoal que non existe. E o mais gracioso, hai 3000 euros para pagarlle a unha empresa privada para que enterre no momento que é necesario denunciou Del Río.
Só coas facturas das que deron conta ao Pleno desde o mes de maio até agora, xa levan gastado máis do que aparece no orzamento advertiu o nacionalista. En total, a cifra ascende xa a 3593,70 euros até o mes de xuño deste ano. Del Río insiste en que esta cifra xa sobrepasa os 3000 euros para traballos de empresas privadas no cemiterio.
Até final de ano, o gasto total nesta empresa privada podería rondar os 14 000 euros, indican desde o BNG facendo unha extrapolación cos datos das facturas achegadas polo executivo local. E para asumir este gasto, o PSOE mete unha partida de 3000 euros no orzamento, que evidentemente non chega, e aínda encima pretende tomarnos o pelo dicindo que o orzamento é realista e axustado ás necesidades, denuncia Del Río.
O orzamento é tan realista que, aínda que non haxa máis facturas xa vai ser necesario ir a unha modificación das contas para pagar os 3593,70 euros que xa gastaron, advirten desde o Bloque. E haberá máis facturas por contratar a esta emprexa porque o PSOE eliminou os cartos para ter persoal municipal no cemiterio, aseguran desde o BNG.
Todo isto só por enterrar no cemiterio municipal sen ter unha persoa do Concello que atenda o camposanto, indica Del Río. E non a hai porque o goberno non quere, co que isto implica na calidade do servizo, que só hai que ver como está o cemiterio para concluír que coa privatización o servizo é peor, asegura.
Segundo os nacionalistas, esta chafallada non ten máis explicación que a necesidade que tiña o PSOE de maquillar as contas. Reducen a partida da privatización para que non chame a atención e dentro dun mes haberá xa que modificar este orzamento porque de realista non ten nada, lamenta Del Río.