O BNG denuncia que o PSOE convoca concurso para privatizar o cemiterio
“Antes ás agachadas e agora a peito descuberto, o que queda claro é a intención do goberno local de ir privatizando pouco a pouco todo o Concello” “Xa advertiamos que o orzamento aprobado por PSOE, BN e CxG era un orzamento privatizador e estamos vendo as consecuencias”
“Antes ás agachadas e agora a peito descuberto, o que queda claro é a intención do goberno local de ir privatizando pouco a pouco todo o Concello”
“Xa advertiamos que o orzamento aprobado por PSOE, BN e CxG era un orzamento privatizador e estamos vendo as consecuencias”
Betanzos, 2 de setembro de 2016. O BNG denunciou que o pasado 11 de agosto o goberno local do PSOE acordou privatizar o cemiterio municipal. O executivo aprobou as bases para que xestione o cemiterio unha empresa privada os vindeiros dous anos, con opción a outros dous, e publicounos no Boletín Oficial o pasado día 25 de agosto. “Semella como se quixeran que a cousa pasara desapercibida”, ironiza o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
“Vimos advertindo que nos últimos anos o PSOE xa tiña privatizado o cemiterio de forma encuberta, pagando de maneira irregular mes a mes por medio de facturas á empresa que realizaba os traballos no cemiterio municipal”, explica Del Río. “Antes ás agachadas e agora a peito descuberto, o que queda claro é a intención do goberno local de ir privatizando pouco a pouco todo o Concello”, lamentan.
“Son 36 000 euros de todas e todos os que se irán a engrosar a conta de resultados doutra empresa privada por explotar inmobles municipais”, censuran as nacionalistas. Recordan que, coas cifras dos orzamentos na man, eses mesmos cartos darían sobradamente para cubrir as dúas prazas vacantes que hai na relación de postos de traballo asignada ao cemiterio. “Pero o PSOE non quere” explican.
Ademais, as nacionalistas explican que nos orzamentos había tan só 16 000 euros para contratas coa empresa privada no cemiterio. “Xa advertiamos que o orzamento aprobado por PSOE, BN e CxG era un orzamento privatizador e estamos vendo as consecuencias”, explica Del Río, que recorda que “antes foi o servizo de xardinería, agora é o cemiterio e pronto chegará a limpeza de rúas e edificios, que segue privatizada encubertamente e da que o goberno local segue ocultándonos a documentación das contratacións”.
“Defender os servizos públicos en abstracto é moi doado, case todas nos poñemos a chapiña en defensa dos servizos públicos, mais outra cousa é cando se descende ao concreto e se fala da piscina ou do cemiterio municipais”, ironiza Del Río. “Aí vese que non é o mesmo predicar que dar trigo”, conclúe.