O BNG-AA denuncia que a privatización encuberta do cemiterio custou máis de 10 000 euros
A privatización encuberta do PSOE encarece o servizo e aínda encima é de calidade peor, pois polo que pagamos só polos enterros podía haber un operario no cemiterio que asumise tamén os traballos de mantemento
Betanzos, 16 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas informou de que o Concello de Betanzos gastou, entre marzo e outubro do pasado ano, 10 236,60 euros na privatización encuberta do cemiterio municipal. Son datos da conta xeral de 2014, que amosan o desequilibrio entre o realmente gastado polo goberno local do PSOE e os 3000 euros que aparecían para traballos contratados a empresas privadas no camposanto.
A empresa contratada de forma totalmente irregular tan só fai o traballo dos enterros, á vista está a falta de mantemento do cemiterio municipal, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. As nacionalistas recordan que o cemiterio municipal é un servizo que teñen que emprestar obrigatoriamente todos os concellos.
O problema é que o Concello se arrisca a unha denuncia por dar así este servizo, dunha calidade pésima, explica. Os informes dos técnicos municipais advirten de que a forma de cubrir o servizo do cemiterio non é un contrato cunha empresa e que o goberno local expón ao Concello a unha denuncia por cesión ilegal de traballadores da empresa ao camposanto municipal, engade.
Neste sentido, advirten que cos máis de 10 000 euros gastados na empresa privada podería cubrirse un posto de emprego público para o cemiterio municipal. Na relación de postos de traballo hai dous, os dous vacantes, e ao ser servizo obrigatorio para os concellos poderíase cubrir polo menos un con eses cartos que levou a empresa privada, explica Del Río.
Queda visto que polo que pagamos só polos enterros podía haber un operario no cemiterio que asumise tamén os traballos de mantemento, explica. Polo tanto, vese que é máis vantaxoso para a veciñanza o servizo público que a privatización, sostén Del Río.
Os contratos coas empresas hai que facelos sempre de forma que todo o mundo poida optar a contratar co Concello en igualdade de oportunidades, advirten as nacionalistas. O que está a facer o PSOE é evitar isto fraccionando en anacos mensuais ese contrato de privatización para dalo a dedo a quen lle peta, relata. E iso dío o BNG-Asembleas Abertas, pero tamén o din os funcionarios nos seus informes, acrescenta.
Finalmente, cuestionan que no orzamento se reservasen 500 euros para vestiario do persoal que traballa no cemiterio. Se non hai persoal municipal no cemiterio, a quen pretendía vestir o goberno do PSOE cando incluíu esta partida?, pregúntanse as nacionalistas.
Defensa dos servizos públicos
Demos palabra de defender os servizos públicos e para o BNG-Asembleas Abertas iso é obriga, explica o voceiro nacionalista. Se o goberno do PSOE opta por privatizar o servizo que saiba que nos imos opoñer,conclúe.