O BNG criticou que o goberno local gastase 8000 euros só nas festas do entroido
O goberno do PSOE renunciou a implicarse na creación de emprego e estraga os cartos públicos nas festas.
Betanzos, 15 de febreiro de 2013. O BNG criticou que o goberno local do PSOE gastase 8000 euros na programación festiva do Entroido mentras alega que non hai cartos para bolsas de comedores ou para o centro de formación ocupacional. O voceiro do BNG, Henrique del Río, lembrou que un dos motivos que levaron aos nacionalistas a rexeitar os orzamentos do goberno de Ramón García foi o dispendio de 238 000 euros en festas, unha cantidade indecente coa que está caendo.
Os nacionalistas exixen ao executivo do PSOE que aclare en que gastaron semellante cantidade de cartos á vista, ademais, da mesma programación de Entroido pobre e sen imaxinación que no básico é exactamente a mesma que o PSOE antes criticaba ao PP. Non están os tempos para tirar así 8000 euros tendo 1255 persoas sen emprego no municipio, reprochan, o goberno do PSOE renunciou a implicarse na creación de emprego e estraga os cartos públicos nas festas.
Desde o BNG entenden que a cantidade sería suficiente para financiar programas que fagan a crise máis levadeira para as veciñas e veciños de Betanzos. A modo de exemplo, os nacionalistas lembran que o Pleno aprobou unha moción súa para crear e dotar unhas bolsas para actividades escolares que evitasen que poida haber nenos e nenas que queden sen estes cursos por problemas económicos. O BNG presentou unha emenda aos orzamentos municipais, que o PSOE non admitiu, para financiar estas bolsas con 10 000 euros.
O PSOE está a facer exactamente o mesmo que criticaba ao PP, indicou o voceiro nacionalista. Conxelar o gasto social e manter os dispendios en festas. Estas son as cousas que a xente non entende nun momento de crise terríbel coma o que estamos a vivir, apuntan desde o BNG.