O BNG anuncia o seu voto en contra dun orzamento “privatizador e clientelar”

O BNG anuncia o seu voto en contra dun orzamento “privatizador e clientelar”

“O orzamento que nos propoñen incrementa en máis de 275 mil euros con respecto ao do 2014 –o último aprobado polo PSOE- o gasto dirixido á privatización de servizos”

“A pesar de que o alcalde promete no orzamento control do gasto o certo é que van estragar en festas 317 500 euros en total”

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

 Betanzos, 19 de abril de 2016. O BNG-AA anunciou o seu voto en contra do orzamento  que o PSOE levará á aprobación do Pleno o vindeiro xoves. “A asemblea decidiu votar en contra deste orzamento que afonda nas políticas clientelares e privatizadoras que o PSOE ven levando adiante nos últimos anos”, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río.

“O orzamento que nos propoñen incrementa en máis de 275 mil euros con respecto ao do 2014 –o último aprobado polo PSOE- o gasto dirixido á privatización de servizos”, engadiu Del Río. As nacionalistas detallan que o goberno local inclúe partidas para afondar na privatización de servizos básicos como o cemiterio, a limpeza viaria ou a xardinaría mentres se nega a cubrir as prazas vacantes de persoal municipal.

“Este modelo privatizador resulta máis caro para a veciñanza, dá peor servizo e beneficia a unhas poucas empresas escoilleitas na súa maior parte sen concurso público a dedo polo goberno do PSOE”, criticou del Río. “Exactamente do mesmo xeito reparten os cartos públicos en subvencións, trátase de mercar vontades, facer clientelismo, co que é de todas”.

As nacionalistas consideran ademais inadmisíbel o incremento dos gastos accesorios como as festas. “A pesar de que o alcalde promete no orzamento control do gasto o certo é que van estragar en festas 317 500 euros en total”, denuncian desde o BNG, “só nas festas de agosto vaise incrementar o gasto de 160 mil a 200 mil euros”.

Ademais, prevén tamén incrementar as partidas para publicidade e propaganda ou as atencións protocolarias. “O orzamento prevé 13 800 euros en publicidade e 15 700 en protocolo, en total máis de 29 mil euros que estarían moito mellor investidos en dar uns servizos de calidade á veciñanza en lugar de estragalos en autobombo e paparotas”, cuestionan.

Un ano máis sen ingresos das concesións

Un ano maís o orzamento elaborado polo goberno local do PSOE evita incluir os ingresos da maioría das concesións municipais. Tan só figuran, coma no orzamento anterior, o canón das piscinas, dos postos da praza de abastos e o do centro comercial do Pasatempo. “Resulta escandaloso que o goberno local dea por bó que o resto de concesionarias non vaian ingresar un só euro cando acaban de prorrogar o contrato da ORA ou que dos 58 mil euros que teríamos que ingresar das terrazas do Campo non ingresemos tampouco un só euro”, concluíu o voceiro nacionalista.

O BNG anuncia o seu voto en contra dun orzamento “privatizador e clientelar”