O BNG insiste en reclamar medidas dirixidas a creación de emprego
Outro mes máis Betanzos destrúe emprego mentres o PSOE turra coa semana do pincho; que o goberno local se limite a organizar todo tipo de festas e eventos gastronómicos con estas cifras de desemprego en Betanzos é desolador.
Nos orzamentos da Xunta deste ano presentamos unha emenda para creación de emprego na comarca pero parece que as prioridades do PP van por outro lado
Betanzos, 2 de decembro de 2014. O BNG reclamou ao goberno local medidas urxentes para atallar a destrución de emprego en Betanzos. No último mes perderon o seu emprego 18 persoas nosa cidade explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Os nacionalistas lamentan a indiferencia do goberno do PSOE diante dos 1085 veciños e veciñas sen emprego. Isto sen contar as que xa nin sequera se anotan no paro e as que marcharon a buscarse a vida na emigración, engaden.
Pechan negocios, queda máis xente no desemprego e o PP insístenos en que a crise acabou e que está todo inzado duns brotes verdes que non se ven por ningures, indican os nacionalistas. Por este motivo, desde o BNG reclaman ao goberno local un esforzo en políticas que creen alternativas de emprego para a nosa veciñanza.
Betanzos destrúe emprego mentres o PSOE turra coa semana do pincho; que o goberno local se limite a organizar todo tipo de festas e eventos gastronómicos con estas cifras de desemprego en Betanzos é desolador
Outro mes máis Betanzos destrúe emprego mentres o PSOE turra coa semana do pincho indica o concelleiro do BNG. Que o goberno local se limite a organizar todo tipo de festas e eventos gastronómicos con estas cifras de desemprego en Betanzos é desolador, indica o voceiro nacionalista. O PSOE calca o argumento do PP de que festas crean riqueza na localidade a pesar de que os datos do desemprego mes tras mes demostran precisamente o contrario, asegura.
O certo é que nin as festas do verán, nin as semanas de pinchos diversos nin sequera os obradoiros de emprego conseguiron que Betanzos baixase das mil persoas sen emprego en todo o mandato, cuestionan. O PSOE entrou a gobernar con 1028 persoas no desemprego e temos 1085, eramos 13 537 veciñ@s e baixamos aos 13 445 porque a xente marcha a buscar fóra as oportunidades que aquí non hai, relata o voceiro do BNG. Neste mandato medrou o desemprego nominal e porcentualmente e a resposta do goberno local é un Plan Xeral para construír máis vivendas baleiras e concursos de pinchos para que a xente gaste o que non ten, sosteñen desde o Bloque.
Neste sentido, desde o BNG cuestionan a decisión do goberno local do PSOE de editar unha campaña para promover os empadroamentos na cidade, acordada no último Pleno co apoio do PP. Sen posibilidades de atopar emprego, cun colexio público masificado e co Casco Histórico caendo a cachos é moi difícil crer que vaia aumentar a poboación por ler o un panfleto propagandístico ironiza o edil do BNG. Mellor fora que os cartos que o PSOE dilapida en propaganda fosen investidos en políticas para a creación de emprego sostén.
Desde o BNG insisten en que medidas como o viveiro de empresas que propuxeron construír co plan de obras da Deputación nas parcelas municipais do polígono de Piadela ou o banco de locais comerciais ofrecerían alternativas para que a veciñanza atope oportunidades de emprego. Rehabilitar o Casco Histórico e poñelo en valor, é o maior investimento que Betanzos pode facer para xenerar emprego e riqueza, pero o goberno do PSOE prefire festas e paparotas, lamentan desde o BNG.
Os datos evidencian que unha ría saneada podería revertir o desemprego na comarca
Os datos do desemprego no último mes evidencian, a dicir dos nacionalistas, a mentira que anda lanzando o PP de que a crise xa é cousa do pasado. Todos os concellos da comarca, agás Abegondo e Bergondo, destrúen emprego, a pesar de contar varios con obradoiros de emprego que mitigan o aumento do paro na comarca.
E sen poñer enriba da mesa alternativas a este panorama dramático o PP bloquea as nosas iniciativas, lamentan desde o BNG. Aínda nos orzamentos da Xunta deste ano presentamos unha emenda para creación de emprego na comarca pero parece que as prioridades do PP van por outro lado enganden.
Nos orzamentos da Xunta deste ano presentamos unha emenda para creación de emprego na comarca pero parece que as prioridades do PP van por outro lado
Os nacionalistas critican que toda a alternativa do PP diante da crise é resucitar o peor da burbulla inmobiliaria, como está a verse en Miño. Neste sentido, desde o BNG critican que o PSOE, en Bergondo ou Betanzos tamén tire por aí teimando en macrourbanizacións ou plans xerais totalmente fóra da realidade.
O que non nos parece de recibo é que nos intenten vender a ficción de que estamos mellorando mentres na nosa comarca seguimos vendo como se destrúe emprego, e estes resultados son baseados nas persoas inscritas no paro, se miramos os datos de afiliación á seguridade social son terroríficos, explicou Del Río.