É O SEU COMPROMISO PARA O VINDEIRO MANDATO MUNICIPAL E HOXE DEMANDA DO GOBERNO LOCAL DO PSOE QUE NON RENOVE O CONTRATO SEN FACER MELLORAS
O BNG mellorará o servizo de axuda no fogar e estudará a súa remunicipalización
"Se desde 2017 vimos presentando todo tipo de iniciativas para poñer fin á situación que atravesa este servizo, desde logo demandamos que o goberno local do PSOE renove o actual contrato introducindo as melloras pedidas polas persoas usuarias”
"Se desde 2017 vimos presentando todo tipo de iniciativas para poñer fin á situación que atravesa este servizo, desde logo demandamos que o goberno local do PSOE renove o actual contrato introducindo as melloras pedidas polas persoas usuarias”
Betanzos, 25 de febreiro de 2019. O BNG demandará no Pleno que o Concello goberno local estudar a opción da xestión directa do servizo de axuda no fogar (SAF). "Pretendemos garantir a calidade do emprego e das prestacións, e está visto que nas condicións actuais isto non se cumpre", explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Desde o BNG explican que "o pasado mes, contra dos acordos do pleno, a alcaldesa resolveu iniciar expediente para volver contratar, máis unha vez, a unha empresa privada para emprestar o servizo". A alcaldesa fixa un prezo de licitación moi similar ao que o contrato actual tivo, polo que as nacionalistas temen "que se repitan todos e cada un dos erros detectados durante a actual concesión, que, folga dicir, tiveron tradución en numerosos prexuízos para as usuarias finais do servizo".
As nacionalistas lembran que, no actual contrato, "cando o PSOE revisou á baixa o prezo do contrato resentiuse a calidade, tanto do emprego na prestación do servizo como da calidade do mesmo". "Manter o prezo nesas cifras neste novo contrato para manter privatizado o servizo fai temer que todo siga igual", explica Del Río. "Non pode cambiarse todo para que todo siga igual, igual de mal para usuarias e traballadoras", advirte.
O portavoz municipal e candidato á alcaldía de Betanzos, Henrique Del Río, explicou que 'o noso compromiso para o próximo mandato municipal será mellorar o contrato e estudar a remunicipalización do servizo, xa que isto permite maior estabilidade laboral do cadro de persoal que empresta esta atención hipercualificada, permite mellorar o servizo mediante unha formación continuada do persoal e, a consecuencia, unha mellora do mesmo, ademais da repercusión que o emprego estábel e de calidade no termo municipal e área de influencia ten para a economía local".
"Seguen dándose queixas entre as usuarias, seguen dándose impagos ás traballadoras, como nos explicaron a pasada semana, e seguen quedando servizos sen darse as fins de semana", resume Henrique del Río. "A solución non é máis do mesmo, é cambiar o modelo", engade.