O BNG critica que o PSOE asuma como seu o copago na axuda no fogar imposta polo PP
O PP evitou apoiar esta medida, deseñada polo propio PP, por electoralismo. O BNG non asiste aos pinchos de Nadal do Concello: Non nos parece asumíbel que en tempos de recortes tremendos en servizos para os veciños e veciñas se gasten cartos públicos en facer pinchos.
Betanzos, 23 de decembro de 2013. O BNG criticou no Pleno a suba das tarifas do servizo de axuda no fogar para os grandes dependentes. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, advertiu de que a Xunta do PP impón que se lle cobre máis aos grandes dependentes mentres reduce o horario de atención para todas as persoas que utilizan o servizo dea xuda no fogar.
Os nacionalistas criticaron ao PP por absterse nunha votación que adaptaba a Betanzos as tarifas e horarios impostas polo goberno de Alberto Núñez Feijóo. É vergoñento que por electoralismo o PP evitase respaldar unha medida deseñada polo propio PP, indicou Del Río. O PSOE asumiu sen ningunha crítica o modelo do PP e entre os dous están acabando co servizo público de axuda no fogar do Concello, indicou.
Substitúen os servizos sociais, que garanten un dereito, por caridade, por unha esmola, denunciou o edil do BNG. O goberno local do PSOE nin sequera fixo unha queixa testemuñal e cara á galería, non lle incomoda a inxustiza que impón o PP desde a Xunta xa que nin a denuncia, advertiu.
Os nacionalistas denunciaron que empeora a calidade do servizo da axuda no fogar xa que as revisións do coordinador do servizo pasarán de ser dúas ao mes a unha cada dous meses.
O PP impón que se reduzan as horas de atención, sube o copago para os grandes dependentes e empeora a calidade do servizo e o PSOE desde o Concello non di nada, resumen desde o BNG. O peor é que traen esta modificación ao Pleno antes xusto do Nadal para ver se a sacan sen que se entere a veciñanza, denuncia Del Río. Iso si, despois PSOE e PP xa organizarán algún acto benéfico estes días para lavar as mans e a conciencia mentres obrigan a pagar máis aos que menos teñen, concluíu.
O BNG non asiste aos pinchos de Nadal do Concello
Dado que o goberno municipal do PSOE nin sequera respondeu á solicitude do BNG de que os pinchos de Nadal do Concello non fosen pagados con cartos de todos os betanceiros e betanceiras, os edís nacionalistas optaron por non acudir. Non nos parece asumíbel que en tempos de recortes tremendos en servizos para os veciños e veciñas se gasten cartos públicos en facer pinchos, engadiu o voceiro do BNG.
O ano pasado propuxemos que os pinchos de Nadal se pagasen a escote entre quen asistise, e anunciamos que o BNG non asistiría se ían ser pagados con fondos que deben destinarse a servizos públicos, lembrou o portavoz nacionalista. Aínda estamos agardando resposta do goberno do PSOE a esta solicitude, así que este ano tampouco iremos, explicou o voceiro nacionalista.