Trasladamos a Pleno as irregularidades no servizo de axuda no fogar
“Segundo persoal da concesionaria, xa mantiveron varias xuntanzas coa concelleira de Servizos Sociais, polo que toda esta situación xa é coñecida polo goberno local. E que, desde a primeira, non houbo variacións na situación”
“Segundo persoal da concesionaria, xa mantiveron varias xuntanzas coa concelleira de Servizos Sociais, polo que toda esta situación xa é coñecida polo goberno local. E que, desde a primeira, non houbo variacións na situación”
Betanzos, 27 de novembro de 2017. O BNG denunciou esta mañá as irregularidades e a precariedade no Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Betanzos. O portavoz do BNG de Betanzos, Henrique del Río, compareceu cun grupo de traballadoras da empresa concesionaria en rolda de prensa e anunciou que o grupo nacionalista trasladará esta situación ao Pleno para demandar “que o concello revise o funcionamento do SAF”.
“O 28 de xullo de 2015 o Pleno do Concello acordou adxudicar á actual empresa concesionaria o servizo de axuda no fogar. A adxudicación viña precedida dun cambio do regulamento do propio servizo que, entre outras cuestións, supuxo abrir a porta á merma da calidade da prestación ao suprimir tres cuartas partes dos controis, pasando de ser bimestrais a bimensuais, como o BNG xa advertira naquel momento”, explicou o portavoz nacionalista.
“O servizo, como é sabido, é competencia da Xunta de Galiza, que descarga esta responsabilidade nos concellos mediante a subvención de parte destas contratacións, quer para emprestar o servizo directamente os concellos ou quer, como no caso de Betanzos, recorrendo á privatización do servizo”, engadiu Del Río.
“O tirar á baixa o prezo do contrato, como era de prever, resentiuse a calidade, tanto do emprego na prestación do servizo como da calidade do mesmo. Así, das máis de trinta persoas que traballan actualmente no servizo, boa parte delas a xornada parcial e outra parte subrogadas da anterior empresa concesionaria, veñen denunciando, ademais destas cuestións, que non sempre son cubertas as vacantes provocadas por baixas laborais do cadro de persoal, obrigando a asumir ao restante persoal a atención as persoas que utilizan o servizo”, informou o portavoz do BNG.
“Isto, á súa vez, tense traducido en que varias persoas usuarias do servizo presentasen cadansúa queixa diante do empeoramento das atencións. Segundo persoal da concesionaria, xa mantiveron varias xuntanzas coa concelleira de Servizos Sociais, polo que toda esta situación xa é coñecida polo goberno local. E que, desde a primeira, non houbo variacións na situación descrita”, criticou Del Río.