O Pleno, a instancias do BNG, esixe á Xunta que se faga cargo da axuda no fogar
O PP está creando un intermediario ao trasladar esta responsabilidade ás Deputacións para dotalas de contido ante unha opinión pública que exixe a súa desaparición.
Betanzos, 25 de abril de 2012. O BNG denunciou no pleno o desmantelamento dos servizos sociais por parte da Xunta do PP. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, acusou ao PP de abandonar as competencias da Xunta e impoñerllas, por decreto e sen financiamento aos Concellos.
Os nacionalistas cuestionan que a Xunta traslade o financiamento do servizo de asistencia no fogar ás Deputacións, sen fixar cantidades nin porcentaxes concretas de forma que colaborarán o mesmo achegando un euro que cen mil, resumiu graficamente Del Río.
Incremento do copagamento e incidencia na destrución de emprego
O decreto 99/2012 aprobado pola Xunta de Galiza supoñerá, ademais, que os concellos teñan que incrementar os fondos que destinan ao servizo de axuda no fogar porque o goberno galego reduce a súa asignación. Ademais, exixe un incremento do co-pagamento por parte das persoas usuarias, denuncia o voceiro nacionalista, que considera que non son estas persoas as que teñen que soportar o custo da crise, senon que o xusto é que pague máis quen máis ten. As medidas da Xunta poden significar que moitos concellos opten por deixar de emprestar o servizo e polo tanto tamén terán unha incidencia no incremento do paro, advirte.
O mantemento do servizo de axuda no fogar pasa por comarcalizalo
Para o BNG o PP está creando un intermediario ao trasladar esta responsabilidade ás Deputacións para dotalas de contido ante unha opinión pública que exixe a súa desaparición. Baleiran de competencias ao goberno galego dentro da recentralización que está a levar o PP desde o goberno central, denuncia o BNG.
Os concellos de menos de 20 000 habitantes quedarán sen fondos para a asistencia no fogar básica, indicou Del Río, que entende que a alternativa pasa pola comarcalización do servizo, como propón o BNG. A medida, segundo os nacionalistas, vai detrás da redución de fondos do plan concertado de servizos sociais que a Xunta do PP decidiu en novembro, ao pasar de 31254,64 euros a cantidade que percibiu Betanzos en 2010 aos 4121 do 2011, un recorte do 87%, indican.