O BNG leva ao Pleno a súa demanda de transferencia a Galiza da AP9
“Recuperar a Autoestrada sería un grande beneficio para o país e para a comarca, acabaría con esta discriminación e permitiría que o tráfico pesado cruce a ría pola ponte da Autoestrada en lugar de provocar perigo ao paso pola Angustia, a Ribeira e a Ponte Vella”
“Recuperar a Autoestrada sería un grande beneficio para o país e para a comarca, acabaría con esta discriminación e permitiría que o tráfico pesado cruce a ría pola ponte da Autoestrada en lugar de provocar perigo ao paso pola Angustia, a Ribeira e a Ponte Vella”
Betanzos, 25 de outubro de 2016. O BNG presentou no Pleno unha iniciativa para demandar a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galiza, seguindo a Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza”, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galiza a iniciativa das nacionalistas.
O Bloque demandará que a Corporación local se posicione contra “o rescate multimillonario con fondos públicos de autoestradas co único fin de salvar á Banca e as construtoras que as xestionan, e instar a que os recursos públicos se destinen prioritariamente ao rescate de autoestradas en beneficio das usuarias e usuarios finais, para rematar coas peaxes abusivas da AP9”.
“Preguntámonos como é posible que o Goberno central teña 8.000 millóns de euros para rescatar unhas ruinosas radiais polas que non circulan ninguén en Madrid e diga que ten cero euros para rescatar de peaxes a AP9 que é a autoestrada que máis beneficios da de todo o Estado?”, pregúntase o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
“Levamos anos demandando que se tomen medidas para que a AP-9 exerza como unha vía de comunicación que vertebre o territorio e sexa accesíbel para todas as galegas e galegos” explica o edil nacionalista. Del Río repasa as iniciativas presentadas polo BNG no Congreso e o Parlamento de Galiza para “que se conxelen ou se reduzan os prezos das peaxes na autopista do Atlántico”. “Tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado español, ambos en mans do PP, fan ouvidos xordos a esta demanda social da maioría das galegas” lamenta.
“Mentres o resto de municipios da área metropolitana da Coruña teñen descontos ou peaxes na sombra que fan que a súa veciñanza non abone directamente a peaxe para acceder á cidade da Coruña, betanceiras e mariñás si que temos que pagar por utilizar unha infraestrutura que ficou amortizada hai xa ben anos” explican as nacionalistas. “Recuperar a Autoestrada sería un grande beneficio para o país e para a comarca, acabaría con esta discriminación e permitiría que o tráfico pesado cruce a ría pola ponte da Autoestrada en lugar de provocar perigo ao paso pola Angustia, a Ribeira e a Ponte Vella”, conclúe.