O BNG demandará a fin da concesión da AP-9
Mentres o resto de municipios da área metropolitana da Coruña teñen descontos ou peaxes na sombra que fan que a súa veciñanza non abone directamente a peaxe para acceder á cidade da Coruña, betanceiros e mariñáns si que temos que pagar por utilizar unha infraestrutura que ficou amortizada hai xa ben anos
Betanzos, 26 de maio de 2014. O BNG reclamará mañá no Pleno que o Concello demande á Xunta a rebaixa dos prezos das peaxes nun 32%, que é a porcentaxe de aumento das tarifas desde o inicio da crise económica no ano 2007 explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O BNG leva demandando desde o inicio da grave crise económica que se tomen medidas para que a AP-9 exerza como unha vía de comunicación que vertebre o territorio e sexa accesíbel para todas as galegas e galegos explica o edil nacionalista. Del Río repasa as iniciativas presentadas polo BNG no Congreso e o Parlamento de Galiza para que se conxelen ou se reduzan os prezos das peaxes na autopista do Atlántico. Tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado español, ambos en mans do PP, fan ouvidos xordos a esta demanda social da maioría de galegos e galegas lamenta.
A moción presentada polo BNG advirte de que a AP9 parte dun deseño de infraestruturas terrestres deseñado en Madrid, de xeito centralista e radial, alleo á realidade do país. Resulta significativo que o gasto en peaxes ao viaxar entre Madrid e Ferrol sexa menor (16,20 euros) que viaxar entre Ferrol e Vigo (17,65 euros) denuncia Del Río.
Por este motivo, o BNG demandará que a Xunta reclame á empresa concesionaria da autoestrada descontos similares aos que se aplican noutras vías similares en outros puntos do estado español. Ademais, piden á Xunta exixir á empresa concesionaria que reinvista os seus multimillonarios beneficios na mellora da autoestrada, que adoece de deficiencias en moitos dos seus tramos, e na mellora da calidade do servizo que experimentou un empeoramento significativo.
O BNG reclama novamente ao goberno do estado que dea por finalizada a explotación privada da AP-9 en mans de AUDASA para convertela nunha autopista pública gratuíta que cumpra coa súa función de rede de comunicación que vertebra todo o territorio galego de norte a sur. É moita hora de que a Xunta de Galiza deixe de mirar para outro lado e asuma as demandas da cidadanía galega asegura o voceiro do BNG.
Mentres o resto de municipios da área metropolitana da Coruña teñen descontos ou peaxes na sombra que fan que a súa veciñanza non abone directamente a peaxe para acceder á cidade da Coruña, betanceiros e mariñáns si que temos que pagar por utilizar unha infraestrutura que ficou amortizada hai xa ben anos explican os nacionalistas. Desde o BNG entenden que o mantemento das peaxes de Guísamo e Macenda supoñen unha discriminación de Xunta e Deputación para Betanzos e a súa bisbarra con respecto ao resto da área metropolitana coruñesa.
Atrasos na concesión de axudas RISGA
Os nacionalistas rexistraron outra moción para pedir que a Xunta incremente os cartos que destina á RISGA, a renda de integración social de Galiza. Temos recibido queixas de que a Xunta tarda máis dos dous meses que fixa a lei en resolver a concesión destas axudas, indicou o voceiro do BNG.
Estas axudas son o único ingreso en moitos fogares, polo que o retraso con que a Xunta as concede está provocando moitos prexuízos a quen realmente as precisa, indica o edil do BNG. Por este motivo, os nacionalistas demandaran que se inste á Xunta a resolvelas en dous meses como máximo, tal e como dispón a Lei.