O BNG exixe ao PSOE que pase das palabras aos feitos con respecto á peaxe da AP-9
Del Río: O PSOE votou en contra de liberar as peaxes da autoestrada tres veces nos últimos anos.
Betanzos, 2 de xullo de 2013. O BNG lamentou a hipocrisía do PSOE con respecto á peaxe da AP9 sobre a ría de Betanzos. Os nacionalistas cuestionaron que o PSOE prometa liberar a peaxe da autoestrada cando está na oposición, vendendo fume, pero consinta os abusos da concesionaria cando ocupa o goberno de Madrid.
O voceiro do BNG, Henrique del Río, criticou ao goberno local polo oportunismo que só busca crear expectativas que non se concretan nunca. O PSOE de Betanzos votou, como o PP, tres veces nos últimos anos en contra de reclamar a liberalización das peaxes na AP-9 a proposta do BNG no Pleno, en febreiro de 2013, outubro de 2011 e setembro de 2008.
Cando en 2008 o BNG propón nacionalizar a AP9, Touriño e Zapatero optan por entregarlla a un fondo especulador americano recordou Del Río. Desprezaron a medida por pouco intelixente, claro que igual falaban porque o exministro do PSOE Solchaga estaba en nómina do Citybank, ironiza.
PSOE e PP puxéronse de acordo para defender os privilexios da concesionaria por riba da veciñanza, recorda o voceiro do BNG, e agora o alcalde do PSOE pretende tomar por parva á xente facéndolles crer o contrario.
O PSOE de Betanzos votou, como o PP, tres veces nos últimos anos en contra de reclamar a liberalización das peaxes na AP-9
É absurdo que o alcalde pida nada á concesionaria da autoestrada, indicou o voceiro do BNG. Terá que pedirllo ao goberno central, explicou. O PSOE votou en Betanzos contra a liberalización das peaxes por sucursalismo, porque gobernaban o estado, agora non pode darlle leccións ao PP neste asunto, asegura. Tanta culpa ten de que continúe a peaxe sobre a ría Zapatero como Ramón García, que non quixo que o Concello elevase este desexo da veciñanza ao goberno español, asegurou.
Desde febreiro, que se aprobou a moción de descontar media peaxe, o goberno local do PSOE non fixo nada ao respecto, indica o voceiro do BNG. Só mandan notas de prensa, creando falsas expectativas á xente e tentando facer electoralismo barato, censura. O BNG asegura que esta é a práctica habitual no goberno do partido socialista crean expectativas falsas na veciñanza a través dos medios de comunicación que nunca se concretan en nada. Segundo os nacionalistas hai exemplos abondos desta forma de gobernar como a situación do Mandeo 50 á que ían poñer solución hai mais dun ano e sigue exactamente igual, a casa gótica ou a Torre de Lanzós, entre outros.
Acontece o mesmo co tren de cercanías, o PSOE cre que cunha nota de prensa e o voto a unha moción xa está feito todo canto se pode facer polo tren, denuncia. O alcalde nin sequera respondeu aos representantes dos traballadores ferroviarios que lle pediron unha xuntanza para explicarlle os recortes que afectan ao tren en Betanzos, recorda.
Uso partidista de medios de comunicación municipal
O BNG tamén denunciou que o goberno local do PSOE utilice para facer propaganda política os medios de comunicación municipais. Nin o gabinete de prensa nin a web municipal son do PSOE, pagámolas toda a veciñanza e teñen que estar ao servizo do pobo, non das comenencias electoralistas do goberno de turno, denuncia. O PSOE usa os recursos do Concello como se fosen do partido socialista, igual que o facía o PP e eles criticaban, asegurou.