Amelia Sánchez: “Do que di o señor Pita calquera pode deducir que a cuestión do globo é unha represalia porque o PP non goberna en Betanzos”
O BNG respondeu a Jaime Pita: “menos clasismo e máis aceptar a democracia”
Betanzos, 20 de xullo de 2023.- O BNG respondeu esta mañá ás declaracións de Jaime Pita na Voz, e fíxoo trasladando tres reflexións. A primeira é a "sorpresa pola agresividade do señor Pita contra o BNG, cando sabe perfectamente que o BNG nada ten que ver con este tema. É irresponsábel seguir azuzando a crispación, e resulta indecente facelo sabendo que non se está dicindo a verdade e que che dea igual".
A segunda é a constatación de que "o motivo polo cal non hai Globo este ano parece ser político. Do que di o señor Pita calquera veciña ou veciño pode deducir que a cuestión do globo é unha represalia porque o PP non goberna en Betanzos. Igual a solución a todo isto é algo menos de clasismo e máis aceptar a democracia. Non pode ser que haxa globo se goberna o PP e que non o haxa se PSOE e BNG acordan a investidura."
A terceira é que "Betanzos non se merece este espectáculo. Estívose contando unha mentira desde o entorno do Partido Popular e estívose malmetendo e enganando a sectores como a hostalería, dicíndolles que o tema do Globo tiña que ver co acordo de investidura do PSOE e do BNG. Agora que está claro que non é así, o PP non sabe como recoller cable. O PP debe rectificar, polo ben da convivencia en Betanzos"
Finalmente desde o BNG trasládase "o máximo respecto á familia Pita e a todas as persoas colaboradoras durante tanto anos para facer posible o Globo, unha tradición que xa é de Betanzos, do pobo, e que debe quedar fóra do debate político. É unha mágoa que o señor Pita, candidato do Partido Popular, o quixese politizar, supoñemos que por enfado co resultado das eleccións".
Sobre a cuestión da Fundación Globo de San Roque o BNG trasladou que "agardamos que a Fundación poida funcionar con normalidade e cumprir co obxectivo para o que foi creada. A Secretaría e a Intervención Municipal víanlle moitos problemas cando se constituiu, e nós manifestamos tamén as nosas dúbidas ao respecto, seguindo o que os propios técnicos xa advertían. Ten que haber máxima claridade co diñeiro público."