O BNG preguntará no pleno polo Globo facéndose eco da alarma social sobre o tema
Amelia Sánchez: “Estamos moi preocupadas pola falta de información oficial con respecto á demora no inicio dos traballos de construción do Globo e pensamos que o goberno local ten que aclarar o antes posíbel se hai algún retraso ou problema con respecto ao lanzamento do Globo para atallar os rumores que se estenderon nas últimas semanas por Betanzos”
Betanzos, 13 de xullo de 2023.- O BNG preguntará no pleno do vindeiro día 20 sobre o Globo, as previsións de construción e lanzamento, facéndose eco da alarma social sobre o tema. “Estamos moi preocupadas pola falta de información oficial con respecto á demora no inicio dos traballos de construción do Globo e pensamos que o goberno local ten que aclarar o antes posíbel se hai algún retraso ou problema con respecto ao lanzamento do Globo para atallar os rumores que se estenderon nas últimas semanas por Betanzos”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“Hai uns días pedimos xa por rexistro toda a documentación sobre a subvención concedida á Fundación do Globo para coñecer se se pagou o do pasado ano ou non, porque non hai información oficial e os rumores son moi diversos”, abunda a voceira do BNG.
Desde o BNG indican que “o globo é un dos embaixadores da nosa cidade, unha tradición que nos une a todas as betanceiras e, precisamente por iso, o goberno local ten que informar á veciñanza con transparencia absoluta”. “Queremos deixar claro fronte a rumores “malintencionados” que o BNG, como non podía ser doutra maneira, defende unha mostra do noso patrimonio cultural como é o Globo de Betanzos”, engadiu Sánchez.
Neste sentido, lembran que precisamente para dar maior transparencia e información á veciñanza, o pacto de investidura subscrito polo BNG co PSOE recolle que na representación do Concello na Fundación do Globo estean representados todos os grupos da Corporación.