NON HAI PLANETA B!
Todo o que tiras ao río acabamos bebéndoo!
Vertidos industriais. Fugas da rede de saneamento. Baleirado de fosas séticas. Sentinazo dos pozos de xurro. Vertedoiros incontrolados. Esa cabicha que se tira ao pilón da fonte ou desde un peirao. O desaugue da lavadora pola beira do camiño. Unha man de sulfato que chega ao regato. O que vai pola borda.
Todo o que vai ao río, acabámolo bebendo. Os vertidos aos ríos son constantes desde hai décadas, sexan de orixe descoñecida ou debidos aos fallos da rede pública de saneamento dos distintos concellos que dan beira con el. Cantos máis vertidos, máis problemas para a saúde pública: traídas clausuradas, praias con prohibición de baño debido á contaminación, peche de zonas de marisqueo...
É un problema ambiental, pero é tamén un problema de saúde pública: afecta ás persoas tanto de xeito directo (non beber, non bañarse, non mariscar) coma indirecto (danos a medio e longo prazo na saúde por consumir determinadas substancias arrastradas pola auga).
Porlle fin exixe un comportamento individual responsábel e respectuoso, mais, sobre todo, exixe o compromiso dos poderes públicos. Xunta e concellos teñen que asumir que é urxente acometer as melloras nas redes de saneamento e vixilancia ambiental dos nosos ríos. Tarde ou cedo, todo o que vertemos aos ríos acaba afectando á saúde!