O BNG amosou a súa tristeza despois do anuncio da Fundación Globo de San Roque de que non haberá Globo nas festas deste ano
Amelia Sánchez: “O Globo de Betanzos é un símbolo que debe unir a todas as betanceiras e betanceiros e que ten que quedar fóra de ataques políticos. Lamentamos a mala fe e as mentiras coas que persoas do entorno do grupo político do PP e da dereita betanceira están buscando confundir e crear crispación social en Betanzos, o cal é un acto de absoluta mesquindade e de grave irresponsabilidade”
O BNG pide que se estuden axudas para compensar o impacto sobre a economía local
Betanzos, 15 de xullo de 2023.- O BNG amosou a súa tristeza despois do anuncio da Fundación Globo de San Roque, de que non vai haber Globo nas festas deste ano. “O Globo é un patrimonio de todos e todas e un símbolo de Betanzos. Lamentamos que este ano non sexa posíbel o seu lanzamento e esiximos ao goberno local que explique os motivos que levaron a que este ano non vaiamos ter globo”, indicou Amelia Sánchez, portavoz do BNG.
“O Globo de Betanzos é un símbolo que debe unir a todas as betanceiras e betanceiros e que ten que quedar fóra de ataques políticos. Lamentamos a mala fe e as mentiras coas que persoas do entorno do grupo político do PP e da dereita betanceira están buscando confundir e crear crispación social en Betanzos, o cal é un acto de absoluta mesquindade e de grave irresponsabilidade”, engadiu a portavoz nacionalista.
“A familia Pita, a Fundación Globo de Betanzos e o goberno local teñen a obriga de explicarnos a todas as veciñas e veciños porqué este ano non imos ter globo, agardamos que se encontre unha solución a esta situación que garanta que no futuro Betanzos vai recuperar o seu Globo”, insistiu Amelia Sánchez.
Desde o BNG lembraron que no seu momento estiveron en contra da creación desta fundación, que se aprobou no Pleno co apoio de PP e PSOE, polos problemas legais e operativos que lle vían e que respaldaban os informes de secretaría e intervención. Explicaron que “até o momento só o goberno local e os Pita tiñan representación no padroado da Fundación e polo tanto son os que teñen a información e deben explicar que está pasando. A pesar que desde o BNG engadimos no acordo de investidura que todos os grupos da corporación tiveramos representación do padroado, para democratizar e facer máis transparente o seu funcionamento, polo momento a presenza dos representantes dos grupos da oposición non se produciu e como consecuencia non fumos convocadas a ningunha das reunións do padroado da Fundación Globo de Betanzos”.
O BNG pide que se estuden axudas para compensar o impacto sobre a economía local
“A hostalería local sufriu o mes pasado o impacto do corte de auga pola pandemia de gastroenterite e agora, vai sufrir un impacto importante pola supresión do Globo este ano, que o evento máis importante das festas. O goberno local, como xa pedimos para a crise provocada polo brote de gastroenterite, ten que estudar unha liña de axudas para compensar a hostalería e negocios locais que están nunha situación moi complicada”, concluíu a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.