A voz de Betanzos (e de Galiza) en Madrid
O voto do BNG é o verdadeiro voto útil, o voto útil para parar a dereita e a extrema dereita e tamén o voto útil para defender os nosos intereses en Madrid
O voto do BNG é o verdadeiro voto útil, o voto útil para parar a dereita e a extrema dereita e tamén o voto útil para defender os nosos intereses en Madrid
Seguramente se lle preguntamos a calquera betanceira, ou a calquera galega, cantas deputadas representan os intereses das galegas e dos galegos no Congreso dos Deputados de Madrid non saiban darnos un número (son 23 en total polas 4 circunscricións) nin saiban darnos moitos nomes, mais estamos seguras que todas elas saben quen é Néstor Rego e saben que o deputado do BNG foi a voz de Galiza en Madrid ao longo desta lexislatura.
Néstor Rego traballou a reo ao longo destes case catro anos para demandar unha AP-9 libre de peaxes, para solicitar a rexeneración das nosas rías ou para esixir unha tarifa eléctrica galega que nos compense como territorio produtor de enerxía. Sempre poñendo os intereses de Galiza por diante.
E nese intenso labor, Rego e o BNG tamén trasladaron as necesidades da veciñanza de Betanzos e da comarca das Mariñas ao Congreso dos Deputados. Defendemos a necesidade de reverter a perda de servizos no noso concello. Así, solicitamos a cesión do antigo ambulatorio de Betanzos para crear un centro de día público comarcal, esiximos máis persoal na oficina de información do INSS e pedimos información sobre as melloras nas oficinas do servizo de Correos. Traballamos para que Betanzos mantivese o seu rol de cabeceira comarcal e de cidade de servizos para a veciñanza.
Conscientes da necesidade de mellorar o transporte público, reclamamos melloras na rede ferroviaria que comunica A Coruña con Ferrol e que pasa por Betanzos. O BNG esixiu fondos para a construción do by-pass de Infesta e a creación dun tren de proximidades, que convertese o ferrocarril nunha alternativa real para a mobilidade. Tamén solicitamos información a respecto do vial de Infesta, así como melloras nos tramos de estradas estatais (N-VI e N-651) que cruzan o noso termo municipal.
Sen esquecernos da ría, pedimos o investimento necesario para a súa rexeneración e para a eliminación de verteduras, porque unha ría saneada será un dos nosos motores económicos, ecolóxicos, turísticos e de lecer.
O voto do BNG é o verdadeiro voto útil, o voto útil para parar a dereita e a extrema dereita e tamén o voto útil para defender os nosos intereses en Madrid. No BNG queremos seguir a ser a voz das betanceiras no Congreso, queremos contar cun grupo forte que garanta políticas progresistas en favor da maioría social e, por descontado, os investimentos que o Estado leva anos racaneando a Galiza, gobernase o PSOE ou o PP. Por iso vos pedimos o voso apoio o próximo 23-X para que Galiza e para que Betanzos conten.