O BNG esixe ao PP que se retracte publicamente e recoñeza que o BNG non ten ningunha responsabilidade en que non haxa globo nas festas deste ano
Amelia Sánchez: “O BNG defende as festas de San Roque, o BNG defende o Globo de Betanzos, o BNG defende que as festas e o Globo son do pobo de Betanzos, e o que non está disposto a aturar a inmensa maioría de Betanzos é que desde o entorno da dereita se queira utilizar o Globo de Betanzos e as festas como arma de confrontación”
Betanzos, 18 de xullo de 2023.- O BNG esixe ao PP que se retracte publicamente e recoñeza que o BNG non tivo ningún tipo de responsabilidade en que este ano non haxa globo nas festas de Betanzos. En relación coas declaracións está mañá da portavoz do PP, o BNG afirmou que “a portavoz do Partido Popular minte e sabe que está mentindo cando afirma que o tema do Globo ten algo que ver co acordo de investidura entre o BNG e o PSOE. As declaracións de Jaime Pita e as explicacións da alcaldesa onte poñen en evidencia que a decisión de que non houbese globo xa se tomada e xa a fixera pública o entorno do PP de Betanzos antes incluso do acordo de investidura entre o BNG e o PSOE, polo tanto, minte e sabe que está mentindo neste tema”.
Desde o BNG esíxenlle ao Partido Popular que rectifique na súa mentira, porque coa súa mentira estivo creando crispación e un clima de tensión social que supuxo que mesmo a propia portavoz municipal do BNG sufrise insultos e faltas de respecto en redes sociais e provocou unha evidente tensión na rúa. Polo tanto, o PP ten que rectificar e dar marcha atrás na estratexia de tensión que desde o entorno do Partido Popular estiveron sementando estes días en Betanzos.
“O BNG defende as festas de San Roque, o BNG defende o Globo de Betanzos, o BNG defende que as festas e o Globo son do pobo de Betanzos, e o que non está disposto a aturar a inmensa maioría de Betanzos é que desde o entorno da dereita se queira utilizar o Globo de Betanzos e as festas como arma de confrontación”, engadiu a voceira do BNG.
“O PP púxose nervioso cando viu que acaba de quedar en evidencia a súa estratexia diante de todos os betanceiros e betanceiras e ten medo de que se lle volva en contra, o nerviosismo do Partido Popular débese a que todo Betanzos acaba de descubrir cal era a súa estratexia para crear tensión e crispación social”, indicou Sánchez.
“Suxerímoslle a portavoz do PP que recolla cable, que recoñeza que se equivocaron na súa estratexia, que rectifique publicamente e se retracte de todo o que veñen facendo estes días. As declaracións da alcaldesa onte poñen en evidencia que que non haxa globo non ten que ver co BNG nin coa actuación do goberno local. A explicación a que este ano non teñamos Globo hai que buscala no entorno do Partido Popular”, engadiu a voceira nacionalista.
“O PP segue desinformando e manipulando a realidade. Nas reunións que houbo do Padroado da Fundación Globo de San Roque o BNG nunca estivo presente. O BNG non ten absolutamente nada que ver coas decisións que se tomaron na Fundación Globo de San Roque, tivo que ver quen está alí representado, pero non o BNG”, indicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez. De cara ao futuro o BNG defende que nunha Fundación sufragada con cartos públicos do concello de Betanzos, todos os grupos políticos con representación na corporación teñen que ter representación no Padroado, “pensamos que iso é o máis democrático e non sabemos cal é o problema que ten o Partido Popular coa democracia”, concluíu.