ORA

O BNG celebra que se rescinda o actual contrato da ORA mais cuestiona que o goberno anuncie outro novo

“Ademais de ser inxusta porque nos cobra por aparcar nas nosas rúas, a ORA é inxusta socialmente porque a taxa é a mesma para un millonario que para unha persoa sen recursos”

“É triste que PSOE, BN e CxG pensaran máis en amolar ao BNG que na veciñanza e non tivesen en conta que co traspaso da AP9 acabariamos por fin coa peaxe de Macenda”

O BNG celebra que se rescinda o actual contrato da ORA mais cuestiona que o goberno anuncie outro novo

“Ademais de ser inxusta porque nos cobra por aparcar nas nosas rúas, a ORA é inxusta socialmente porque a taxa é a mesma para un millonario que para unha persoa sen recursos”

“É triste que PSOE, BN e CxG pensaran máis en amolar ao BNG que na veciñanza e non tivesen en conta que co traspaso da AP9 acabariamos por fin coa peaxe de Macenda”

Betanzos, 26 de outubro de 2016. O BNG celebrou o anuncio do goberno local no Pleno de onte de rescindir o contrato da ORA e o guindastre polos numerosos incumprimentos da empresa concesionaria, Setex Aparki SA. “Despois de cinco anos traendo esta proposta en forma de moción, de preguntas, de pedir datos no rexistro para facer públicos os incumprimentos da concesionaria que o goberno do PSOE toleraba, celebramos que por fin o goberno razoe e poña fin a esta situación lesiva para a veciñanza”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

O edil do BNG recordou que o contrato levaba anos vencido e a empresa incumprindo coas súas obrigas, entre elas as melloras pactadas co goberno do PSOE o pasado ano a cambio doutra prórroga no contrato. “Unha empresa privada cóbranos por aparcar nas nosas rúas, nas vías públicas, e o goberno local do PSOE non só o vía normal, senón que ademais pagaba á empresa para que nos cobrase, é unha situación bastante surrealista”, explican desde o Bloque.

Porén, lamentan que o executivo local anunciase que traballa xa nuns pregos para privatizar novamente a xestión da ORA e incluír no contrato, ademais, o “parking express” que pretende implantar nas rúas do Casco Histórico. “Non se pode enganar á xente, onte non aprobaron remunicipalizar a ORA, simplemente dar por finalizado un contrato e empezar outro”, explica o nacionalista.

“A ORA ten unha finalidade recadatoria evidente, trátase de pagar por estacionar na vía pública” explicou. “Non garante que haxa rotación no estacionamento e a proba é que o Concello paga tamén á concesionaria do aparcamento soterrado do Campo polos famosos 20 minutos gratis que non son máis que suplir esa rotación no estacionamento que a ORA non dá”, engadiu.

O BNG xa anticipou onte que votará en contra tamén da nova concesión cando o goberno local a presente ao Pleno. “Ademais de ser inxusta porque nos cobra por aparcar nas nosas rúas, a ORA é inxusta socialmente porque a taxa é a mesma para un millonario que para unha persoa sen recursos”, explicou Del Río. “O BNG é crítico con este sistema porque supón ter a unha empresa privada cobrándonos por aparcar nas vías públicas unhas taxas que non atenden á capacidade económica de cada persoa”, resume.

“Entendemos ademais que a supresión da ORA vai ser beneficiosa para o pequeno comercio, xa que é evidente que mentres nas grandes superficies comerciais o aparcamento é gratuíto, para comprar en Betanzos hai que pagar e isto non axuda a que as persoas que viven na nosa área de influencia veñan facer as súas compras á nosa cidade” explica o voceiro do BNG. “De feito esta proposta foi moi ben acollida polas comerciantes e ACEBE cando recollemos propostas para o noso programa de goberno”, apunta.

Engadiu que a alternativa que defende o BNG é un sistema gratuíto de rotación no estacionamento. Explican que en vilas como Carballo está implantado desde hai anos con satisfacción entre a veciñanza e comerciantes. “Non entendemos como o goberno do PSOE mira para o goberno do BNG de Carballo para botarnos en cara as cousas que alí se fan mal e non mira porén para as cousas boas que se podían adaptar á nosa cidade”, lamenta.

Lamenta o veto a que se debata a moción sobre a transferencia da AP9

As nacionalistas lamentan o veto imposto no Pleno de onte por PSOE, BN e CxG a debatir unha moción que só pedía apoiar o acordo unanime do Parlamento de Galiza para pedir a trasferencia da AP-9. “É triste que PSOE, BN e CxG pensaran máis en amolar ao BNG que na veciñanza e non tivesen en conta que co traspaso da AP9 acabariamos por fin coa peaxe de Macenda que nos discrimina con respecto ao resto da área metropolitana e co tráfico de vehículos pesados que cruza a diario A Angustia, A Ribeira e a Ponte Vella, que podería pasar debalde polo viaduto sobre a ría”, conclúen.


 

O BNG celebra que se rescinda o actual contrato da ORA mais cuestiona que o goberno anuncie outro novo