O BNG insistirá en derrogar a ORA e que os responsábeis da situación respondan co seu patrimonio
Desde que en 2010 a secretaría advertise de que debía ser resolto por incumprimento este contrato, hai quen mantiveron a situación até a data de hoxe, coa exixencia de 100 000 euros por parte da concesionaria, e terán que responder disto.
Lamentamos que os outros grupos prioricen o seu protagonismo sobre os intereses da veciñanza coa excusa de que BN presentara unha moción no Pleno anterior; tamén o BNG leva máis de dous anos presentando mocións e iniciativas sobre este tema e non por iso nos pechamos a iniciativas conxuntas que beneficien a todos os veciños e veciñas
Betanzos, 22 de xaneiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas trasladará novamente ao Pleno, como xa anunciara, a súa proposta de substituir a ORA por un sistema de rotación do estacionamento gratuíto. O tempo para tomar a decisión de comunicar á empresa que non se lle renova o contrato acábase e temos que tomar unha decisión, porque sería escandaloso seguir mantendo unha empresa que non achega un só centimo ao Concello, como fixeron o ano pasado e o anterior a pesar das nosas reiteradas mocións e preguntas, explicou Henrique del Río, portavoz do BNG.
As nacionalistas someterán a acordo do Pleno denegar unha nova prórroga tácita ao contrato de concesión do servizo de ordenación e regulación do aparcamento e retirada de vehículos e, polo tanto, comunicar en tempo e forma á mercantil Setex Aparki SA para dar por finalizada a relación contractual desde o 6 de marzo.
Pedimos tamén que o goberno local presente ao vindeiro Pleno o regulamento do novo sistema de rotación de estacionamento gratuíto, elaborado coa participación dos distintos grupos por medio dunha comisión creada a tal efecto, informou o voceiro nacionalista. e, polo tanto que o vindeiro Pleno a derroge da ordenanza fiscal número 20, que regula o cobro da ORA. Recordan que esta última cuestión a propuxeron o pasado mes de novembro, cando se debatiron as ordenanzas fiscais para este ano, sen que ningún outro grupo da Corporación apoiase a proposta.
Alguén terá que facerse responsábel da situación que se creou coa ORA desde 2010 a pesar das nosas inicaitivas todos estes anos
Na comisión de investigación reunida a pasada semana o goberno local evitou falar das responsabilidades de manter a ORA durante os últimos anos a pesar dos prexuízos que ocasiona ao Concello. Por este motivo, o BNG-Asembleas Abertas pedirá ao Pleno que acorde abrir un expediente de responsabilidades a cantos ocasionaron que, desde que en 2010 a secretaría advertise de que debía ser resolto por incumprimento este contrato, mantiveron a situación até a data de hoxe, coa exixencia de 100 000 euros por parte da concesionaria, engadiu Del Río. Alguén terá que facerse responsábel da situación que se creou desde entón a pesar das nosas inicaitivas todos estes anos, indica o edil nacionalista.
O BNG-Asembleas Abertas lamentou ademais a falta de interese das outras forzas que se manifestaron a favor de rescindir o contrato á empresa concesionaria, BN e CxG, por chegar a acordos para facilitar unha petición conxunta que dera máis forza a esta demanda. Lamentamos que os outros grupos prioricen o seu protagonismo sobre os intereses da veciñanza, concluíu del Río. Coa excusa de que BN presentara unha moción no Pleno anterior e queren que se volva a votar neganse a chegar a acordos explica. Tamén o BNG leva máis de dous anos presentando mocións e iniciativas sobre este tema e non por iso nos pechamos a iniciativas conxuntas que beneficien a todos os veciños e veciñas conclúe.