O BNG-AA abstívose na modificación das taxas porque o PSOE se negou a valorar derrogar a ORA
A rebaixa do IBI, nunha vivenda de valor medio, que o goberno di que son 48 000 euros, é de 80 céntimos ao mes.
Non entendemos que o goberno do PSOE opte por manter a inxusta amnistía fiscal para as terrazas do Campo, mentres outros locais de hostalería dos barrios ou mesmo das parroquias non gozan do mesmo trato.
Betanzos, 11 de novembro de 2015. O BNG-Asembleas abertas abstívose onte na votación plenaria sobre a modificación das taxas que propuxo o goberno local do PSOE. Pensamos que é unha proposta que non asume as principais propostas que fixemos por escrito desde o BNG-Asembleas abertas e en xeral asume como normal as posturas ideolóxicas da dereita, explicou o portavoz nacionalista, Henrique del Río.
O goberno local do PSOE non quixo nin oir falar de derrogar a taxa da ORA como levamos anos reclamando e ao que vinculabamos o noso apoio a modificación das ordenanzas explicou. As nacionalistas recordan que desde que se instaurou a ORA o grupo está en contra desta taxa polo seu carácter marcadamente antisocial. Amancio Ortega paga na ORA exactamente o mesmo que unha persoa en situación de exclusión social, é totalmente inxusto desde o punto de vista da xustiza social exemplificou onte o voceiro nacionalista.
Desde o BNG-AA recordan, ademais, que mentres a concesionaria cobra a diario polo estacionamento na zona azul, o Concello non recibe un euro da empresa. O goberno do PSOE négase a derrogala, mantendo un tributo que non ten sentido porque o Concello non recada un só euro e que ademais é regresivo e grava máis a quen menos ten, denunciou o edil nacionalista.
As nacionalistas cuestionan tamén que no caso do IBI o PSOE se limite a tomar unha proposta do PP, rebaixando o tipo nun 0,02%. Esta rebaixa, nunha vivenda de valor medio, que o goberno di que son 48 000 euros, é de 80 céntimos ao mes, explican desde o BNG-AA. Entenden que ten máis de propagandística que incidencia real nas economías das veciñas.
O Bloque propuxo establecer distintos tipos de gravame por medio dunha escala que conteña varios escalóns en función do valor catastral ou os metros cadrados de superficie das casas, para garantir un cobro máis xusto do tributo segundo a capacidade económica. Se outros concellos puideron facelo, Betanzos tamén pode, explicou Del Río.
Explican, ademais, que non todas as familias numerosas precisan un desconto na contribución e non é xusto desde a perspectiva social facerlle ese desconto a quen non o precisa. Do mesmo xeito, insisten en que hai forma de establecer o recargo no IBI a a quen mantén varias vivendas baleiras. Betanzos ten o 26% das vivendas baleiras, 1 de cada 4 recordan. Entendemos que a modificación que pactaron PP e PSOE e claramente insuficiente e inxusta, informou Del Río.
Ademais, as nacionalistas lamentan a negativa do PSOE a considerar sequera aplicar o IPC negativo ás taxas de traída, saneamento e actividades deportivas. Durante anos aprobaron subas coa excusa da suba do IPC e este ano que baixa o PSOE antepón a concesionaria aos intereses da veciñanza, lamentan.
O PSOE mantén a amnistía fiscal ás terrazas do Campo
Non entendemos que o goberno do PSOE opte por manter a inxusta amnistía fiscal para as terrazas do Campo, mentres outros locais de hostalería dos barrios ou mesmo das parroquias non gozan do mesmo trato, explicou o voceiro do BNG-Asembleas Abertas. As nacionalistas entenden que os bares do Campo teñen que contribuír a manter os servizos xa que ademais se benefician directamente de todas as actividades que o Concello organiza no Campo ao longo do ano. Pensamos que todos os hostaleiros e hostaleiras de Betanzos merecen o mesmo trato e neste sentido tamén levamos tempo demandando que se fagan actividades nos barrios e parroquias, que se programe en todo o concello e non só na praza do Campo, conclúen.