O BNG lamenta a nova prórroga do contrato da ORA
A empresa concesionaria non deixa un céntimo no Concello e cobra por aparcar nas nosas rúas e aínda quere ingresar 100 mil euros máis ao Concello por xestionar a ORA. A resposta que dá o goberno local é consentirlle absolutamente todo.
Betanzos, 2 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas lamenta que o goberno local decidise prorrogar novamente o contrato da ORA. As nacionalistas cuestionaron que onte fose convocada a comisión de investigación da ORA para dar conta dunha decisión que o goberno local do PSOE xa tiña tomada xa hai tempo.
O goberno local xa tiña decidido prorrogar a ORA en agosto, cando presentamos a moción para acabar coas prórrogas tácitas do contrato, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Desde entón leva gañando tempo con excusas, enredando con papeis e informes para vestir con argumentos técnicos unha decisión política que xa tomou naquel momento, relata. É a mesma xogada que leva facendo o PSOE todos estes anos para permitir que a empresa siga cobrándonos ás veciñas por aparcar nas nosas rúas mentres o Concello non recibe un peso, indica.
A empresa concesionaria non deixa un céntimo no Concello e cobra por aparcar nas nosas rúas e aínda quere ingresar 100 mil euros máis ao Concello por xestionar a ORA. A resposta que dá o goberno local é consentirlle absolutamente todo, lamenta Del Río. Para as nacionalistas, resulta reprobábel que o goberno local se posicione do lado da empresa en lugar de atender os intereses da veciñanza. Estaría ben que explicasen exactamente que e a quen está a defender o PSOE en todo este asunto, indican as nacionalistas.
Non tomar unha decisión é tamén tomar decisións, indica Henrique del Río sobre a pasividade do goberno local para consentir unha nova prórroga e que continúe a actual situación. Se o ano que ven a empresa di que o Concello lle debe 200 000 euros o goberno local vaille rir novamente a gracieta e prorrogarlle máis o contrato? pregúntase. A veciñanza merece unha explicación pública por parte do goberno sobre todo isto, advertiu Del Río.
As nacionalistas insisten en que a supresión da ORA sería unha medida beneficiosa para o pequeno comercio xa que mentres que as grandes superficies dan estacionamento gratuíto, para vir mercar a Betanzos hai que pagar por aparcar. Tamén é un prexuizo da veciñanza que ten que pagar por aparcar para o beneficio dunha empresa privada, concluíu.