O BNG reclama información íntegra da recadación da ORA
Un excel que pasa a empresa non é base para liquidar nada, o goberno do PSOE ten que pedir os datos de recadación íntegros de todas as máquinas e facelos públicos, que xa está ben de tanto segredo coas empresas que explotan servizos municipais
É escandaloso que o alcalde oculte o informe da tesouraría desde o 25 de febreiro e o goberno permita outra prórroga do contrato.
Betanzos, 6 de maio de 2015. O BNG-Asembleas Abertas insistiu en substituír a concesión da ORA por un sistema gratuíto de rotación no estacionamento tras ter acceso a un informe da tesouraría municipal. É escandaloso que esta concesión non só non aporte nada ao Concello, senón que aínda encima se nos diga que dá máis de 100 000 euros en perdas, asegurou o voceiro e candidato de BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río.
Cambiar a ORA por un sistema gratuíto beneficiaría a toda a veciñanza e contribuiría a dinamizar o noso pequeno comercio e hostalaría, xa que nas grandes áreas comerciais dos arredores o aparcamento é gratuíto explicou. Ademais aforrariamos ter que pagarlle á concesionaria do párking da praza do Campo polos 20 minutos de aparcamento gratuíto, engadiu o candidato nacionalista. Aínda non escoitamos un só motivo para non levar a cabo a nosa proposta nin tampouco a favor de manter a ORA mais aínda así e despois de dous anos desde a nosa primeira denuncia aí segue, explica.
Neste sentido, os nacionalistas cualifican de escandalosa a actuación do goberno local do PSOE con respecto ao contrato de concesión da ORA e a o servizo de retirada de vehículos despois de coñecer o informe da tesoureira. O alcalde mentiu a veciñanza desde o mes de febreiro do ano 2014, dicindo que os funcionarios municipais estaban contando un a un os tíckets da ORA, e agora resulta que non houbo tales tíckets e que o informe se redactou a partir dun mostreo que entregou a propia empresa, criticou o voceiro nacionalista e candidato á alcaldía, Henrique del Río. Non é admisíbel que un alcalde se presente á reelección sen dar a cara publicamente e mentíndolle reiteradamente á veciñanza durante anos, indicou.
É escandaloso que o alcalde oculte o informe da tesouraría desde o 25 de febreiro e o goberno permita outra prórroga do contrato
O candidato nacionalista criticou que tendo o informe da tesoureira desde o día 25 de febreiro o alcalde do PSOE non dese conta do mesmo ao Pleno nin informase aos veciños e veciñas das súas conclusións. É evidente que o alcalde e o PSOE están poñendo en primeiro lugar os seus intereses electorais, mesmo por riba dos intereses da veciñanza lamentou o candidato nacionalista. É inadmisíbel que desde o día 25 de febreiro se permitise outra prorroga deste contrato sen adoptar medida ningunha, explicou Del Río.
Segundo o propio informe faltan datos de recadación dalgunhas máquinas durante períodos prolongados de tempo. Sen embargo, o goberno local do PSOE parece que quere dar por bos estes datos e facernos crer que a empresa concesionaria nos está facendo un favor xestionando a ORA, quedándose con todos os ingresos e non pagando un só céntimo ao Concello, indicou Henrique del Río. Ou nos toma por parvos ou non entendemos como pretende facernos crer que unha empresa que perde cen mil euros ao ano renova sen problema este contrato. É unha empresa, non unha ONG, e por suposto que se renova é porque obtén beneficios, iso é evidente engadiu.
Non sabemos porque o alcalde ten tanto interese en seguir mantendo este contrato e en beneficiar a unha empresa privada en contra dos intereses dos veciños e veciñas de Betanzos, mais desde logo hai algo moi estraño en todo o relacionado co contrato da ORA, indicou Del Río. Os nacionalistas advirten de que un excel que pasa a empresa non é base para liquidar nada, o goberno do PSOE ten que pedir os datos de recadación íntegros de todas as máquinas e facelos públicos, que xa está ben de tanto segredo coas empresas que explotan servizos municipais.