Na apertura da comisión de investigación o BNG-AA insistirá en suprimir a ORA
Del Río: Se PSOE e PP volven unirse para manter a situación actual de prexuízo para a veciñanza buscaremos unha iniciativa conxunta entre todos os grupos que estamos contra a ORA para impedir que en marzo prorroguen novamente o contrato
Betanzos, 13 de xaneiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas adiantou que na comisión de investigación sobre a ORA- que se constitúe mañá- defenderá suprimir este sistema e cambialo por outro gratuíto. Entendemos que non se pode manter por máis tempo a situación actual, cunha empresa cobrándonos por aparcar nas rúas e que non deixa un euro no Concello explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As nacionalistas recordan que levaron este asunto o pasado 31 de agosto ao pleno- despois de presentalo varias veces durante o anterior mandato- e que a comisión de investigación non foi convocada polo goberno local desde entón. Aínda en novembro o BNG-Asembleas Abertas solicitou derrogar a ordenanza fiscal da ORA e o goberno local negouse. Non sabemos que interese puideron ter en adiar calquera decisión sobre esta situación seis meses máis, pero por nós non vai ser que isto continúe así, sostén.
Neste sentido, desde o BNG-Asembleas Abertas anticipan que se PSOE e PP volven unirse para manter a situación actual de prexuízo para a veciñanza e o comercio local, as nacionalistas buscarán unha iniciativa conxunta entre todos os grupos que estamos contra a ORA para forzar a acabar con esta situación.
Cambiar o sistema de pago por outro de rotación gratuíta
As nacionalistas propoñen implantar, en lugar da ORA, un sistema gratuíto de rotación do aparcamento. Hai que delimitar a zona, sinalizala debidamente e deixar claro tamén o horario de vixencia da regulación gratuíta do estacionamento por medio duns discos que se lle poden dar a todos os vehículos, explican e poñen de exemplo o sistema implantado en Carballo.
Deste xeito, xunto co que lle paga cada persoa á ORA aforrariamos o que lle paga o Concello á concesionaria do aparcamento do Campo polos 20 minutos gratis, explican. Este convenio co aparcamento soterrado é a proba de que a ORA non cumpre co seu cometido e que, polo tanto, é tirar cos cartos mantela, conclúen.