O BNG-AA vincula o voto favorábel ás ordenanzas fiscais a derrogar a ordenanza da ORA
Del Río: "se outros concellos cobran recargo do IBI á vivenda baleira, Betanzos tamen pode facelo
Betanzos, 16 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas valorou hoxe a proposta de modificación de tributos presentada polo goberno municipal do PSOE. Botamos en falta un proxecto que dea coherencia ás seis modificacións propostas, explicou o responsábel local do BNG, Carlos Días. As nacionalistas lamentan que o PSOE apenas propoña modificar seis tributos entre máis de trinta.
Cos tributos tamén se combate a crise, son un apoio ás políticas sociais, explicou Días. Neste sentido, desde o BNG-Asembleas Abertas defenden unha fiscalidade alternativa, baseada na xustiza social, en que pague máis quen máis ten.
Como exemplo concreto destas propostas o portavoz municipal do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río, citou o IBI. O único desconto que o PSOE contempla facer na contribución é por familias numerosas, indicou, advertindo que non teñen por que ser as que menos recursos teñan. Se Amancio Ortega tivese tres fillos, precisaría esta redución e sería xusto que se lle fixera?, preguntouse. Neste sentido, as nacionalistas avogan por reconfigurar o imposto da contribución de xeito progresivo en función da renda.
Algunhas propostas concretas para isto son establecer varios escalóns segundo a capacidade económica ou dos metros cadrados dos inmobles. Ademais, para incrementar a recadación as nacionalistas propoñen cobrar o IBI á Igrexa polos bens non cubertos polo Concordato co Vaticano, crear un recargo para a vivenda baleira e elevar o tipo para os grandes hipermercados. Se outros concellos galegos, e mesmo da área metropolitana da Coruña puideron facer isto, Betanzos tamén pode, explica Del Río. Supoñemos que o PSOE non terá problema en engadir isto porque é moi razoábel e lóxico, asegura.
As nacionalistas avogan por comarcalizar o conservatorio municipal para garantir a continuidade do servizo e a redución das tarifas. O conservatorio é usado por toda a comarca, o lóxico é compartir xestión e mantemento para garantir que segue aberto e ampliar os seus servizos, explicaron. Esta aposta por mancomunar servizos cos concellos da comarca entenden que é aplicábel aos servizos deportivos ou culturais.
Ademais de todas estas propostas para mellorar as ordenanzas o BNG-Asembleas Abertas exixiu a derrogación da ordenanza da ORA, con efectos a partir do mes de marzo. Antes o Concello ten que advertir á empresa que non hai máis prórrogas tácitas do contrato, explicou Del Río. As nacionalistas condicionan o seu apoio a estas modificacións a que o goberno acepte derrogar a ORA e introducir un sistema de rotación do estacionamento gratuíto, como levan anos demandando.
Defendemos outro modelo de fiscalidade, máis xusto social e ambientalmente, e aínda que hai algunha cousa positiva, neste momento non contemplamos votar a favor destes tributos, explicou o voceiro nacionalista. Tan só valorariamos darlles o noso apoio se se derroga a ordenanza da ORA, concluíu.