O BNG-Asembleas abertas propón unha moción conxunta para derrogar a ORA
O PSOE, co apoio do PP, pretende introducir uns cambios cosméticos para manter a actual situación de prexuízo para a veciñanza e para o pequeno comercio. Se daba perdas non se entende que se prorrogase ano tras ano
Betanzos, 15 de xaneiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas propuxo hoxe presentar unha moción conxunta aos outros grupos da Corporación que amosaron publicamente a súa oposición a manter a zona azul da ORA. Queremos acabar cunha situación inxusta onde a veciñanza paga para enriquecer intereses privados, e cremos que unha moción conxunta tería moita máis forza e posibilidades de conseguir acabar coa ORA, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As nacionalistas explican que non remitiron esta proposta ao grupo do PP porque a pesar de ser coñecedor das irregularidades que rodean á ORA, optou por mantela cando gobernou. PSOE e PP seguen defendendo nos Plenos, a pesar do escandaloso que resulta a ORA, mantela malia que non ingresa un só euro ao Concello, engaden.
O PSOE, co apoio do PP, pretende introducir uns cambios cosméticos para manter a actual situación de prexuízo para a veciñanza e para o pequeno comercio
As nacionalistas avanzaron onte que explorarían esta vía se o goberno do PSOE teimaba en manter a ORA na comisión de investigación que se abriu onte sobre esta concesión municipal. O PSOE, co apoio do PP, pretende introducir uns cambios cosméticos para manter a actual situación de prexuízo para a veciñanza e para o pequeno comercio, explica Del Río.
Neste sentido, as nacionalistas defenden cambiar este sistema de pago onde todos os cartos recadados van á concesionaria a outro sistema gratuíto. Facemos unha proposta aos outros grupos que apoiaron esta proposta nosa cando foi a Pleno, explica Del Río.
Na campaña electoral de maio demos a nosa palabra de cambiar a ORA por un sistema gratuíto e por iso mesmo propomos este acordo, explica. Podiamos presentar a moción e dentro das nosas posibilidades estariamos cumprindo coa palabra dada, mais cremos que unha moción conxunta ten moita máis forza para obrigar ao goberno do PSOE a rectificar, conclúe.
Se daba perdas non se entende que se prorrogase ano tras ano
As nacionalistas non entenden como unha concesionaria non só non deixa no Concello un só céntimo, senón que aínda pretende cobrar 100 000 euros polo que, en teoría, deixou de ingresar a causa dun contrato que ven prorrogando desde 2006 porque quere. Se lle daba perdas o lóxico sería non renovalo ano tras ano todo este tempo, indica Del Río.
Non vemos con bos ollor prorrogar o contrato nestas condicións para non pagarlle os cen mil euros que a empresa di que lle adebedamos as veciñas
Tampouco vemos con bos ollos que nestas condicións, e para non pagarlle esa cantidade, se lle siga prorrogando o contrato porque corremos o risco de que se siga a incrementar a cantidade que según a empresa deixa de gañar indican desde o BNG-Asembleas Abertas.
As nacionalistas aseguran que a ORA é puramente recadatoria e entenden que prexudica o comercio e a veciñanza. Ademais non cumpre co cometido para o que en teoría foi instaurada, que era garantir prazas de estacionamento no centro de Betanzos, engade o edil do BNG-Asembleas Abertas. Por esta razón, indican, a alternativa é suprimila e cambiala por un sistema gratuíto que garantice a rotación no aparcamento.