“CALQUERA CIDADE DO MUNDO EVITARÍA ESTA SITUACIÓN NO CASCO HISTÓRICO, PERO EN BETANZOS O PSOE POTÉNCIAA”
Cuestionamos no Pleno que o goberno local non resolva o problema co tránsito no Casco Histórico
“Calquera cidade do mundo evitaría esta situación no Casco Histórico, pero en Betanzos o PSOE poténciaa”
Betanzos, 18 de febreiro de 2020. O BNG cuestionou no Pleno que o goberno local non resolva o problema co tránsito no Casco Histórico. “Hai dúas lexislaturas o PSOE presentou un proxecto de ‘parking express’ do que nunca máis nada se soubo a pesar de que se aprobou a compra de cámaras para executalo, xa hai dous anos”, relata o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
“Ata en dous plans de obras da Deputación figuraba esta obra, para a que se contratou un estudo privado para redactar o proxecto” recordan as nacionalistas “Porén, nin se culminou a contratación nin, que se saiba, está en curso, para implantar un modelo que contou cun amplo rexeitamento social segundo os datos da enquisa elaborada polo propio executivo local” recorda Del Río.
Desde o BNG recordan que “formalmente hai rúas peonís no Casco Histórico que na realidade son rúas de tránsito libre nas que todo está permitido porque o goberno local mira para outro lado”. “Desde logo non é serio o de presentar o parking express, adiar calquera cousa a un plan de mobilidade suposto que nin está nin se lle espera e no entanto manter e consentir a lei da selva en rúas nas que supostamente a preferencia é para as persoas, mais non é tal”, apunta o voceiro do BNG.
As nacionalistas recordan que coa actual situación, ademais das persoas, que perden un espazo libre no centro da cidade, estase comprometendo o patrimonio, que padece, ademais das emisións do tránsito, golpes e todo tipo de percances. A modo de exemplo, desde o BNG sinalan as numerosas rozaduras que presentan as portas da muralla. “Calquera cidade do mundo evitaría esta situación, pero en Betanzos o PSOE poténciaa”, lamentan.