O BNG insistirá no Pleno na cesión do edificio do antigo ambulatorio e a construción dun centro de día público en Betanzos
Desde o BNG pedirán que o Pleno inste ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a negociar a cesión do edificio do antigo ambulatorio de Betanzos á Xunta de Galiza para a apertura dun centro de día público.
Na actualidade, case 20 anos despois da apertura do novo ambulatorio, Betanzos segue sen ter unha soa praza de centro de día público mentres un edificio público na zona urbana de Betanzos leva décadas pechado sen uso e polo tanto cada vez nun peor estado de conservación
Betanzos, 21 de abril de 2021. O BNG insistirá no Pleno na cesión do edificio do antigo ambulatorio e a construción dun centro de día público en Betanzos. “Hai dezaseis anos que se inaugurou o novo ambulatorio de Betanzos e quedou dispoñíbel para un novo uso público o edificio do antigo centro de saúde”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“Na actualidade, case 20 anos despois, Betanzos segue sen ter unha soa praza de centro de día público e a nosa comarca só 15 prazas no concello de Miño. Mentres un edificio público na zona urbana de Betanzos leva décadas pechado sen uso e polo tanto cada vez nun peor estado de conservación”, engadiu. “Este edificio segue sendo propiedade do Estado, que a pesar dos múltiples anuncios do PSOE local se segue negando a cedelo para darlle un uso público”, criticou a portavoz nacionalista.
“Desde o BNG de Betanzos vimos solicitando desde hai anos a cesión e rehabilitación do edificio do antigo ambulatorio, que responde as necesidades espaciais e de adaptación para as persoas con mobilidade reducida. Esta infraestrutura dotaría á veciñanza de Betanzos e da nosa comarca dunha prazas públicas de centro de día moi necesarias, contribuiría a dinamizar a rúa Pintor Seijo Rubio e evitaría que seguise o deterioro do edificio que hoxe ocupa o Instituto da Seguridade Social”, insistiu Amelia Sánchez.
Promesas incumpridas do PP no goberno da Xunta
“Na campaña electoral na Feijoo acadou a presidencia da Xunta, o actual presidente prometera dotar dun centro de día público todos os concellos que superasen os 5 000 habitantes. Non obstante, ano tras anos a poboación foi testemuña da negativa da Xunta de Galiza para facilitar esa apertura e dotar o noso municipio dun servizo sumamente necesario para a correcta atención ás persoas dependentes e para a conciliación da vida familiar e laboral”, lembrou a portavoz nacionalista.
Por todo isto desde o BNG pedirán que o Pleno inste ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a negociar a cesión do edificio do antigo ambulatorio de Betanzos á Xunta de Galiza para a apertura dun centro de día público.