O BNG emenda as contas do Estado para pedir a cesión e conversión do ambulatorio en centro de día
As emendas do BNG aos orzamentos tamén inclúen partidas para rehabilitar a casa sindical, para mellorar a seguridade viaria nas estradas N-VI e N-651 ao seu paso polo concello e para reparar e ceder o treito urbano da N-VI.
A construción do by-pass ferroviario en Infesta para axilizar o tráfico ferroviario e a creación dunha rede ferroviaria de cercanías son outras emendas.
Betanzos, 29 de agosto de 2015. O BNG presentou hoxe as súas emendas aos orzamentos xerais do Estado para o Concello de Betanzos que inclúen seguridade viaria nas nacionais VI e 651, a rehabilitación e cesión do antigo ambulatorio como Centro de día, medidas contra as inundacións na Ribeira e o by-pass ferroviario en Infesta.
O Estado ten no noso concello varios edificios abandonados e nun Estado de deterioro cada vez maior e esta situación parécenos lamentábel xa que estamos falando de edificios construídos con cartos públicos, como o antigo ambulatorio e a casa sindical, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río. Nas nosas emendas aos orzamentos do Estado pedimos a rehabilitación destes edificios e no caso do ambulatorio a súa cesión como Centro de día, como ven demandando históricamente o BNG.
En Betanzos as deputadas nacionalistas exixen tamén varias obras para garantir a seguridade viaria nas dúas estradas estatais que atravesan o Concello. Nun punto negro no noso Concello como é a N-VI na Angustia e tamén no tramo urbano da N-651 en Saavedra Meneses, indicou o voceiro do BNG en Betanzos Henrique del Río. reclamamos tamén tal e como se acordou no último Pleno a reparación e cesión da antiga N-VI ao seu paso polo centro de Betanzos, cos medios necesarios para mantela, ao tratarse hoxe dunha travesía urbana.
Tamén pedimos que se estuden e se tomen diferentes medidas para impedir as inundacións no barrio da Ribeira. Polo que nos trasladaron os veciños e veciñas, que se limpase o cauce do Río podería mellorar bastante a situación e non se trata dunha actuación demasiado custosa, explicou o voceiro nacionalista. Ademais sabemos que hai algún proxecto xa redactado sobre posíbeis solucións para a Ribeira que entendemos que se debera explicar a veciñanza en que consiste para que poidan opinar, xa que son eles os que viven o problema en primeira persoa.
Tren de cercanías
Desde o BNG volveron a reclamar o estudo dun Plan para a implantación dos servizos de cercanías en Galiza, que na nosa comarca sería un transporte público moi cómodo e de calidade xa que temos liñas ferroviarias que atravesan toda a comarca pero carecen de frecuencias para que poidan ser utilizadas como transporte habitual.
Ademais de mellorar o servizo e as frecuencias para que poida ser utilizado como transporte habitual na nosa comarca pensamos que é necesario investir nunhas infraestruturas adecuadas por iso, insistimos na necesidade do By-Pass en Infesta que acurtaría os tempos de viaxe, explicou Del Río.