O BNG exixe ao PSOE que explique publicamente por que renuncia ao centro de dia no ambulatorio
O PSOE, que apoiou unha mocion do BNG para facer un centro de día no antigo ambulatorio, agora pide a súa cesión ao concello para outros usos.
Betanzos, 10 de maio de 2012. O BNG reclamou hoxe ao alcalde que explique publicamente por que renunciou a ter un centro de día público en Betanzos. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, indicou que o goberno do PSOE ven de remitir unha memoria á Seguridade Social para destinar o antigo ambulatorio a local social. O Pleno acordou, por iniciativa do BNG e a pesar do PP, que no antigo ambulatorio se fixese un centro de día público para Betanzos recorda o edil nacionalista, que advirte que o PSOE apoiou aquel acordo e o actual alcalde fixo campaña co centro de día ao que agora renuncia.
O PSOE apoiou abrir un centro de día no ambulatorio 2 veces no Pleno, agora renega
O voceiro do BNG recordou que o Pleno do Concello de Betanzos tamén aprobou unha moción dos nacionalistas na que se reclamaba a Feijóo que cumprise co seu compromiso electoral de abrir un centro de día público en cada concello con máis de 5000 habitantes antes de que acabase a lexislatura que expira. Betanzos ten case 14000 habitantes e a pesar diso a Xunta do PP castíganos sen servizos asistenciais, lamenta.
O PP na Xunta votou en contra dunha emenda do BNG aos orzamentos para destinar 1.867.135 euros para abrir tres centros de día en Betanzos, Sada e A Coruña, indicou del Río. Con esta negativa o PP está facendo recaer os custos da crise nas maiorías sociais dificultando tremendamente a conciliación da vida laboral e familiar das mulleres, que son as que na maior parte dos casos asumen o coidado das persoas maiores, e a socialización dos dependentes.
Por este motivo, desde o BNG exixen ao goberno do PSOE que aclare a que se debe este cambio de postura sobre o uso ao que se tiña que destinar o antigo ambulatorio e acusan ao PSOE de esquecer os seus compromisos electorais e cambiar totalmente de discurso. O alcalde ten que ser inflexible á hora de exixir a xunta os servizos que lle corresponden a unha cidade coma Betanzos, neste caso o centro de día e non abandonar á xente á primeira de cambio, e máis no caso de servizos deste tipo moi necesarios para os veciños e veciñas, engadiu Del Río.