O BNG anunciou unha iniciativa no Parlamento de Galiza para que a Xunta pida a transferencia do antigo ambulatorio de Betanzos
“Parécenos escandaloso que o PP renunciara a esta transferencia e ao proxecto de construción dun centro de día público sen ter ningún plan alternativo e, como consecuencia, en Betanzos e na nosa comarca seguimos sen ter unha soa praza de centro de día público”
Betanzos, 5 de xullo de 2021.- O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento de Galiza para que a Xunta pida a transferencia do edificio do antigo ambulatorio de Betanzos para construír un centro de día. “Despois de recibir a resposta á pregunta presentada polo portavoz no Congreso, Néstor Rego, o goberno do Estado respondeu que non había neste momento ningunha solicitude para pedir a transferencia deste edificio de titularidade estatal que está na súa maior parte sen uso desde que se inaugurou o novo ambulatorio”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“Na resposta do goberno do Estado á resposta rexistrada por Néstor Rego informáronnos tamén de que a transferencia deste edificio á Xunta estaba feita no ano 2006, durante o goberno bipartito, por un período de 15 anos, para a construción do centro de día e que a Xunta pediu a reversión deste convenio no 2012 despois de que o PP volvese ao goberno galego”, explicaron desde o BNG. “Parécenos escandaloso que o PP renunciara a esta transferencia e ao proxecto de construción dun centro de día público sen ter ningún plan alternativo e, como consecuencia, en Betanzos e na nosa comarca seguimos tendo só 15 prazas no centro de día de Miño que inauguraron este ano”, engadiu a portavoz nacionalista, Amelia Sánchez.
“A pesar dos múltiples acordos plenarios neste sentido nos últimos anos e de que o PP de Betanzos nunca votou en contra desta proposta nos debates plenarios, na práctica renunciou á posibilidade de que teñamos un centro de día público no antigo ambulatorio sen ofrecer nunca ningunha proposta alternativa á que o BNG leva anos defendendo”, explicou Sánchez. “Mentres o edificio do antigo ambulatorio permanece pechado agás unha pequena parte que ocupan as oficinas da tesourería da seguridade social e segue a deteriorarse”, indicou.
Por este motivo, o BNG presentou unha iniciativa no Parlamento de Galiza reclamando á Xunta que pida de novo a transferencia deste inmoble e cumpra as promesas do goberno galego con Betanzos e a súa comarca. “O actual presidente da Xunta anunciou na súa campaña electoral a primeira vez que foi elixido, no ano 2009, que todas as cabeceiras comarcais do País contarían cun centro de día público mais en Betanzos seguimos agardando 12 anos despois e o único que vimos é que o PP renunciou ao proxecto para o antigo ambulatorio que estaba xa transferido sen ofrecer nunca outra ubicación nin plan alternativo”, concluíu a portavoz do BNG.