Trece anos agardando polo centro de día que o PP nos nega

Insistimos na necesidade do servizo- en toda a comarca non hai un só centro de día público, nin unha residencia pública- e na "reciclaxe" dun edificio público baleiro e a caer. E por este motivo demandámoslle agora ao PSOE, que criticaba ao goberno do PP o veto á cesión do vello ambulatorio, que mova peza dunha vez. Porque levamos trece anos agardando.

Trece anos agardando polo centro de día que o PP nos nega
bng (195)
bng (195)

En 2005 abriu o centro de saúde do Carregal. Desde entón o vello ambulatorio quedou baleiro, agás as oficinas da Seguridade Social. Comezando un proceso de deterioro imparábel que continúa. PSOE e PP propuñan naquela altura dedicalo a local social, un máis a sumar á restra de locais municipais baleiros e sen apenas uso que temos. O BNG, en cambio, propuxo destinalo a un centro de día para maiores e discapacitadas, un servizo máis ca necesario do que carecemos.

Cando tivemos responsabilidades de goberno, tanto en Betanzos coma en Galiza, foi unha das xestións que realizamos, conseguindo o acordo entre Xunta e Estado para a cesión do vello ambulatorio e a súa reconversión nun centro de día público. A entrada do PP no goberno local supuxo darlle carpetazo ao proxecto, baixo a escusa dun mellor emprazamento no Carregal- casualmente onde se pretendeu impedir a construción do colexio de educación infantil- e con supostos informes de presuntos técnicos como aval ao veto a Betanzos ter un centro de día público.

Desde entón, castigadas sen el. Feijóo prometera que cando acabase a súa primeira lexislatura como presidente todos os concellos de máis de 5000 habitantes habían ter o seu centro de día público. E leva tres lexislaturas xa.

O PP non quere que Betanzos teña un centro de día público. Nin no antigo ambulatorio nin en ningures. Demóstrao que Feijóo non teña palabra, pero tamén que o PP vote en contra todos os anos da nosa emenda os orzamentos da Xunta para construílo. Din que é porque non o queren no ambulatorio, mais votan en contra de facelo mesmo cando non se propón emprazamento. Ano tras ano.

Cremos que é un servizo imprescindíbel para as dependentes, mais tamén para as coidadoras, maioritariamente mulleres, poder conciliar coidados, traballo e lecer. E que un edificio que xa pagamos cos nosos impostos siga a caer por non querer darlle unha segunda vida cunha reforma mínima parécenos un dispendio inadmisíbel. Sobre todo cando o motivo son escusas tendo un edificio adaptado, céntrico, con bos accesos e xardíns e prazas ao redor para integrar as persoas dependentes na vida comunitaria. O atinado da proposta próbase en que outros partidos asumiron esta idea que, ao inicio, tivemos que defender en solitario.

Insistimos na necesidade do servizo- en toda a comarca non hai un só centro de día público, nin unha residencia pública- e na "reciclaxe" dun edificio público baleiro e a caer. E por este motivo demandámoslle agora ao PSOE, que criticaba ao goberno do PP o veto á cesión do vello ambulatorio, que mova peza dunha vez. Porque levamos trece anos agardando.
 

Trece anos agardando polo centro de día que o PP nos nega