bngbetanzos
21/xuño/2011
Os sucesivos adiamentos da obra por parte do goberno local e Xunta do PP impiden que estea en funcionamento a galescola do Carregal proxectada no 2007.
Betanzos, 21 de xuño de 2011. O BNG entende que de confirmarse que 50 nenos e nenas de Betanzos quedan sen praza nunha escola infantil pública será responsabilidade da ex-alcaldesa María Faraldo. Segundo o voceiro dos nacionalistas, Henrique del Río, “se Faraldo non perdese 14 meses irresponsablemente e cedese os terreos no seu día, probablemente a realidade sería outra e Betanzos podería estar usando as 100 prazas da galescola comprometida polo bipartito”.
Os nacionalistas lembran que Faraldo atopara un proceso expropiatorio en marcha cando ocupou a Alcaldía, para obter terreos para un novo colexio e unha galescola comarcal. Logo de máis de un ano de retraso, finalizou por ceder unha parcela distinta. A Xunta do PP retrasou a construción da escola infantil ata novembro do 2010, recortando ademais as 100 prazas iniciais até as 74.
Por este motivo, desde o BNG apuntan que no caso de que quede algún neno ou nena de Betanzos sen praza nunha escola infantil pública, como prevé o goberno local, será responsabilidade de María Faraldo e os membros do seu goberno por retrasar esta infraestrutura tan necesaria durante practicamente catro anos. “Faraldo será a responsábel se quedan nenos e nenas sen gardería en Betanzos”, resumiu o voceiro nacionalista, Henrique del Río.