O BNG oponse á suba do IBI aprobada polo goberno Rajoy


A medida do goberno do estado obriga a subir o recibo da contribución polo menos até o 0,50 en 2012 e 0,60 en 2013.

O BNG oponse á suba do IBI aprobada polo goberno Rajoy

A medida do goberno do estado obriga a subir o recibo da contribución polo menos até o 0,50 en 2012 e 0,60 en 2013.

Betanzos, 30 de xaneiro de 2012. O BNG rexistrou para o seu debate no pleno que mañá celebra o Concello de Betanzos unha moción contra a subida do IBI aprobada polo goberno central do PP. Os concelleiros nacionalistas Henrique del Río e Xosé Vales propoñen que o Concello de Betanzos exixa a retirada desta subida do IBI aprobada polo goberno Rajoy porque supón “unha política impositiva que grava ás economías familiares”.

Os nacionalistas sosteñen que ademais esta decisión do goberno central do PP invade as competencias dos Concellos xa que son estes “os que teñen a posibilidade de fixar os tipos impositivos do IBI”. Por este motivo, os concelleiros do BNG piden na moción que se inste ao goberno central a ceder novos impostos ás corporacións locais para garantir a súa autonomía e o sostemento dos servizos que emprestan os concellos.
A medida do goberno do estado obriga a subir o recibo da contribución polo menos até o 0,50 no presente 2012 e polo menos ao 0,60 no vindeiro ano. “Esta suba do IBI repercutirá nas maiorías sociais, que non teñen que soportar o coste dunha crise que non provocaron”, indican os nacionalistas.

A privatización das escolas infantís é outra medida do PP contra as maiorías sociais

O Pleno tamén debaterá outra moción do BNG contraria á privatización da escola infantil que a Xunta construíu á beira do Pasatempo. Os nacionalistas cuestionan a privatización do servizo e a suba das taxas aprobadas pola Xunta do PP. Segundo Vales e Del Río, “dúas medidas contra as maiorías sociais” que van beneficiar a determinadas empresas.

“Inicialmente, esta medida non ía afectar a familias con rendas inferiores aos 1.500 euros, mais agora reducen o límite até os 1.200 euros”, censura Del Río quen salienta que “se trata dunha política do PP que repercute aínda máis o custe da crise económica nas maiorías sociais, nas mulleres e nas familias monoparentais”.
O portavoz do BNG no Concello de Betanzos pon de manifesto que “un servizo básico como é o comedor soporta a maior suba, a pesar de que todas as familias que levan os seus fillos e fillas coincidindo cunha xornada laboral sempre precisarán deste servizo para poder conciliar a súa vida familiar e laboral”.

O BNG oponse á suba do IBI aprobada polo goberno Rajoy