Coa suba das tarifas e a privatización da escola infantil do Carregal o PP busca beneficiar a empresa privada
Del Río: “o PSOE ten que escoller, porque non serve que o goberno local dea por boa a privatización da galescola e a continuación o seu secretario xeral na súa visita a Betanzos se posicione en contra".
Del Río: “o PSOE ten que escoller, porque non serve que o goberno local dea por boa a privatización da galescola e a continuación o seu secretario xeral na súa visita a Betanzos se posicione en contra".
Betanzos, 23 de xaneiro de 2012. O BNG denunciou que o goberno do PP aprobou por decreto a suba das taxas da rede pública de escolas infantís. A subida, segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, é dun 19% e suporá na práctica “un incremento dun 45% ao pasar de 110 euros a 160 na atención educativa e de 33 a 70 euros (incremento do 112%) no servizo do comedor”.
“Coa escusa da austeridade o PP xustifica a suba de tarifas das escolas infantís e pon un pouco máis difícil chegar a fin de mes ás familias”, argumentou Del Río. Para o BNG, a suba das tarifas xunto coa privatización da nova escola infantil do Carregal responden á intención do Partido popular de beneficiar a certas empresas. “Será que as empresa privada que asume a explotación dunha infraestrutura pública non obten beneficios dabondo”, ironizou. Segundo o portavoz municipal dos nacionalistas, isto “recortará a calidade do ensino, creará máis precariedade laboral e impedirá o acceso en igualdade de condicións”.
O nacionalista cualificou de “mazazo” para as familias a nova medida do Goberno galego e acusou a Feijoo de “mentir” por ter afirmado que nunca “tocaría” os servizos públicos. “A suba das taxas que aprobou o PP vai contra a conciliación familiar”, advertiu o concelleiro nacionalista, que entende que “as mulleres serán as primeiras prexudicadas da suba das taxas ao seren as principais responsábeis da atención de nenos e nenas”.
“O goberno local do PSOE recoñeceu publicamente que sabía das intencións da Xunta de privatizar a galescola do Carregal” indicou Del Río, que exixiu ao PSOE “que defina claramente a súa postura”. A xuízo do voceiro do BNG, “o PSOE ten que escoller, porque non serve que o goberno local dea por boa a privatización da galescola e a continuación o seu secretario xeral na súa visita a Betanzos se posicione en contra”. “Entendemos que o que cala, outorga”, e o goberno do PSOE en Betanzos mantívose en silencio aínda que sabía, a través do xerente do Consorcio como o mesmo alcalde recoñeceu, dos plans da Xunta para a nova escola infantil do Carregal.