O BNG rexeita a privatización da escola infantil do Carregal
“O goberno do PSOE ten que aclararlle aos veciños se estaba ao tanto das intencións da Xunta de privatizar a escola infantil do Carregal e se está de acordo con esta forma de xestión”.
“O goberno do PSOE ten que aclararlle aos veciños se estaba ao tanto das intencións da Xunta de privatizar a escola infantil do Carregal e se está de acordo con esta forma de xestión”.
Betanzos, 18 de xaneiro de 2012. O BNG denuncia que a Xunta de Galiza vén de iniciar o proceso de privatización das novas escolas de educación infantil “Galiña Azul”, logo de publicar no DOG de hoxe a licitación do centro de Betanzos, desde a data de apertura, 1 de marzo de 2012, até o 31 de agosto de 2014.
“Esta privatización dos servizos básicos á cidadanía converte en lucro rexido polas leis do mercado o que debe ser un servizo á poboación” asegura o voceiro do BNG, Henrique del Río, que cuestiona que a próxima apertura da nova Galescola do Carregal sexa mediante xestión privada, “tal e como ditan as directrices das políticas neoliberais das que o PP é un dos máximo expoñentes”.
“O goberno do PSOE ten que aclararlle aos veciños se estaba ao tanto das intencións da Xunta de privatizar a escola infantil do Carregal e se está de acordo con esta forma de xestión”, indica o concelleiro nacionalista.
Marcha atrás nos servizos públicos
A decisión tomada pola Xunta de Galiza a través do Consorcio Galego supón unha involución clara ao respecto das políticas de creación de centros públicos iniciada polo anterior goberno da Xunta. Coa privatización das novas escolas infantís dáse marcha atrás na consolidación dunha rede pública para a etapa educativa de 0 a 3 anos, optando como na etapa dos gobernos de Fraga pola privatización das escolas infantís.
O modelo naquel momento consistía na privatización a través dos concellos de escolas construídas con fondos públicos, convertendo un servizo público nun negocio para as empresas. Para o BNG a Xunta está a investir “cartos de todos en beneficiar a empresas privadas”. “Agora é directamente a Xunta quen aposta polo clientelismo e o empeoramento da oferta educativa e das relacións laborais” advirten.
Se o PP non retrasase a cesión dos terreos non habería listas de agarda
Os nacionalistas denuncian, ademais, a existencia de listas de agarda para esta escola infantil. “Cando o PP entrou no goberno galego recurtou o compromiso que adquirira o BNG en 26 prazas, das 100 previstas ás 74 actuais”, recorda Del Río. Isto tradúcese na existencia dunha lista de agarda de 24 persoas “que terían praza na galescola do Carregal se a coalición PP-CxB non retrasara por máis dun ano a entrega dos terreos ao Consorcio para erguer o centro”.