O BNG propón ubicar o busto de bronce de Castelao nunha praza céntrica

“Betanzos ten un busto de bronce de Castelao que foi fundido na emigración e foi cedido polo Centro Betanzos a condición de que fose instalado nunha praza pública da cidade, cousa que a dereita vetou cando foi recibido e cremos que é hora de que o Concello cumpra co compromiso adquirido hai décadas”
O BNG pediu información no pleno sobre as actividades programadas polo goberno local do PSOE tras ter declarado este 2025 como Ano Castelao coincidindo co 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Betanzos, 7 de abril de 2025. O BNG pediu información no pleno sobre as actividades programadas polo goberno local do PSOE tras ter declarado este 2025 como Ano Castelao coincidindo co 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A declaración deriva dunha iniciativa dos nacionalistas na que se solicitaba poñer en valor “ a memoria e o legado de Daniel Castelao a quen, con moitos outros, Galiza debe a súa condición de nacionalidade histórica e mais o seu réxime de autogoberno, ademais de ser un dos mellores artistas gráficos do país e un notábel ensaísta e creador literario”.
O edil do BNG Salvador González lembrou o especial vínculo de Castelao coa cidade de Betanzos e a súa condición de presidente de honra do Centro Betanzos de Bos Aires outorgada polos betanceiros da diáspora. “Betanzos ten un busto de bronce de Castelao que foi fundido na emigración e foi cedido polo Centro Betanzos a condición de que fose instalado nunha praza pública da cidade” explicou o concelleiro nacionalista, que recordou que “cando foi recibido a dereita betanceira vetou a súa colocación nunha praza pública e o busto segue actualmente depositado no Museo das Mariñas”.
As nacionalistas consideran que este Ano Castelao é o momento de dar cumprimento a ese acordo que leva décadas pendente de cumprirse e demandaron ao goberno local do PSOE a aclarar se ten pensado instalar, por fin, o busto de Castelao nunha das principais prazas de Betanzos para cumprir cos compromisos adquiridos polo Concello co Centro Betanzos.