Pedimos o apoio do Pleno á folga feminista do 8 de marzo
“Hai razóns para a mobilización: en Betanzos as mulleres desempregadas son o 65,47% do total”
“Chamamos a participar a participar na concentración convocada en Betanzos diante do concello o propio día 8 de marzo ás 12:30 h.”
“Hai razóns para a mobilización: en Betanzos as mulleres desempregadas son o 65,47% do total”
“Chamamos a participar a participar na concentración convocada en Betanzos diante do concello o propio día 8 de marzo ás 12:30 h.”
Betanzos, 23 de febreiro de 2018.- O BNG pedirá o apoio do Pleno á folga feminista convocada para o vindeiro 8 de marzo, día internacional da muller.
“A folga feminista do 8 de marzo pretende ser unha chamada de atención, dende o ámbito local máis próximo ao internacional, sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.
“A fenda salarial en Galiza é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes estímase en 20.243 euros o das mulleres só chega aos 15.730 euros, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e das pensións”, engadiu o Del Río. “En Betanzos hai 448 mulleres rexistradas no paro e 389 homes, segundo os últimos datos da Xunta, o que representa que as mulleres desempregadas son o 65,47% do total, o que amosa unha taxa superior de desemprego por razón de sexo”.
“A convocatoria do 8 de marzo aspira a ser transversal para mudar, dende o cotiá, o sistema articulado baixo as ordes do patriarcado, do capitalismo, do racismo, da emigración e da depredación ambiental. Por estes motivos, esta folga pretende incidir no ámbito laboral, de coidados, estudantil e de consumo”, concluíu o portavoz do BNG.
Respaldo á concentración na praza o 8 ás 12:30h
Por todo isto o grupo nacionalista pediu o apoio do concello de Betanzos a convocatoria desta folga de mulleres prevista para o 8 de marzo e que realice un chamado a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego, nomeadamente a convocada en Betanzos diante do concello o propio día 8 de marzo ás 12:30 h. da mañá.