O BNG volveu exixir ao goberno local que conceda a conciliación as súas traballadoras
Ao PSOE non lle interesa a igualdade máis alá dun titular de prensa o 8 de marzo, como poden comprobar todas as empregadas do Concello, sen ir máis lonxe.
Betanzos, 6 de setembro de 2013. O BNG denunciou no Pleno que o goberno local do PSOE continúa negándolle o seu dereito a conciliar a vida laboral e familiar a unha traballadora da escola infantil municipal. Segundo denunciou a concelleira María Otero, a docente ata o de agora só recibiu evasivas por parte do goberno local.
Os nacionalistas insisten en que esta traballadora municipal solicitou a conciliación familiar e recordan ao goberno local do PSOE que este é un dereito que teñen as traballadoras. Por que motivo se resisten a conceder o que a Lei lle outorga?, interpelou a edila do BNG.
Desde o BNG arremeteron contra o que consideran hipocrisía do goberno local do PSOE a conta da igualdade. Esta é a igualdade da que fala o goberno local? pregúntanse os nacionalistas. Desde o BNG pregúntanse cantas veces máis imos ter que insistir neste asunto para que o goberno local do PSOE recoñeza os dereitos que a Lei outorga ao persoal municipal.
Para o BNG a situación non é nova e advirten ao goberno do PSOE que se temos que seguir sacando a luz estes feitos para que o goberno local cumpra coas súas obrigas non nos vai tremer o pulso. Os nacionalistas aseguran que temos constancia dunha baixa de longa duración na escola infantil de San Francisco que o PSOE se nega sistematicamente a cubrir.
Con esta vacante sen cubrir o PSOE pretexta problemas de organización nas quendas de traballo para outorgar a conciliación ás profesoras, denuncia o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Mentres esta praza da escola infantil está sen cubrir, o PSOE contrata en fraude de lei persoal de apoio para as festas, asegura.
Con estes feitos no seu haber é unha hipocrisía que o goberno do PSOE dea premios á igualdade e aprobe plans de igualdade, denuncian desde o BNG. Ao PSOE non lle interesa a igualdade máis alá dun titular de prensa o 8 de marzo, como poden comprobar todas as empregadas do Concello, sen ir máis lonxe, advirte o voceiro nacionalista. É totalmente hipócrita falar de combater estereotipos sexistas e manter a raíña das festas e falar de superar a fenda salarial entre homes e mulleres e denegar as solicitudes de conciliación, indica Del Río.
Os nacionalistas exixen ao goberno do PSOE feitos e explicacións. Que concedan a conciliación que lle corresponde a esta traballadora e que expliquen por que se negaron a darlla sen sequera responder, reclaman.
Agardamos impacientes un novo episodio de manipulación por parte do PSOE logo de falsear a conta xeral dicindo que era positiva e de manipular a postura do BNG sobre as taxas polas terrazas, ironiza o voceiro nacionalista. Aínda son capaces de dicir que o BNG nunca presentou ningunha iniciativa concreta para camiñar cara a igualdade no Concello de Betanzos, concluíu.