O BNG exixirá no Pleno que o PSOE cumpra co seu propio Plan de Igualdade
As traballadoras de limpeza perciben menos salario que os traballadores de limpeza pola mesma función ou as auxiliares administrativas cobran menos que o único auxiliar administrativo.
Betanzos, 25 de febreiro de 2013. O BNG presentou unha moción para exixir ao goberno local o cumprimento do seu propio plan de igualdade. Os nacionalistas, que acusaron hai un ano ao PSOE de aprobar o plan con fins exclusivamente publicitarios en vésperas do 8 de marzo, Día da Muller, denuncian desigualdades entre o propio persoal municipal.
Temos constancia de que, en concreto, tres traballadoras do Concello solicitaron no ano 2012 un cambio de horario por conciliación da vida familiar e laboral, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Estas tres traballadoras nin tan sequera recibiron unha resposta á súa petición, polo que entendemos que lles foi denegada, indicou o edil nacionalista. Asegura ademais que esta negativa do PSOE incumpre o Plan de Igualdade aprobado polo Pleno o ano pasado cando fala de amosar boas prácticas sobre a presenza das mulleres no Concello.
O plan tamén ten entre os seus obxectivos impulsar a igualdade de trato entre membros da administración, se ben existen mostras de discriminación salarial entre o propio persoal do Concello en función do xénero, aseguran os edís nacionalistas. Entre persoal da mesma categoría e coas mesmas funcións, as mulleres teñen adxudicados salarios máis baixos que homes exactamente na mesma función explican. Aseguran que un bo número de alegacións contra a relación de postos de traballo, que non foi capaz de aprobar o goberno do PSOE o pasado verán, baseábanse nestas discriminacións salariais entre homes e mulleres. As traballadoras de limpeza perciben menos salario que os traballadores de limpeza pola mesma función ou as auxiliares administrativas cobran menos que o único auxiliar administrativo, denunciou Del Río.
As mulleres ocupan moitos menos postos de dirección que os homes e na maioría dos casos postos relacionados con profesións tradicionalmente reservadas a mulleres advirten os nacionalistas.
Cónstanos que o Comité de empresa de persoal laboral dirixiu un escrito ao Alcalde achegándolle as súas queixas polo incumprimento do Plan de Igualdade e pedíndolle actuacións neste eido aseguran desde o BNG, pero como ven sendo habitual non recibiron resposta. Por este motivo, reclamarán do Pleno que poña fin a esta discriminación coa elaboración dunha nova RPT, contando coa participación real da representación do cadro de persoal municipal.
Á vista disto, é evidente que o Plan de Igualdade naceu como anuncio propagandístico do PSOE, indicou o voceiro do BNG. É unha hipocrisía sacarse da manga para o 8 de marzo un Plan de Igualdade e o resto do ano facer o contrario do que recolle, concluíu.
O BNG denuncia a hipocrisía do PP ao presentar unha moción a prol da igualdade
Parécenos vergoñento que o mesmo PP que aprobou a Lei de Familia ou pecha os centros de orientación familiar agora pretenda limpar a cara presentando mocións a prol da igualdade, indican desde o BNG. Menos mal que con isto non van enganar a ninguén, a xente o que quere son máis feitos e menos palabras, aseguran. PSOE e o PP fan o mesmo exercicio de cinismo ao poñer en escea un xesto teatral polo 8 de marzo porque corresponde facelo e queda politicamente correcto, cando o resto do ano as súas políticas van no sentido contrario, conclúen.