O BNG critica a hipocrisía do PSOE no tema da igualdade

Henrique del Río e María Otero conforman o grupo municipal do BNG
O BNG critica a hipocrisía do PSOE no tema da igualdade

“O goberno local do PSOE apoiou de forma hipócrita a moción do BNG pedindo que se concedese a conciliación ao persoal municipal logo de negarlla nos despachos e agora pretende lavar a súa imaxe con estas celebracións”.

Betanzos, 8 de marzo de 2013. O Grupo Municipal do BNG anunciou que, contra o anunciado polo goberno municipal, non participará na entrega do premio “Úrsula Meléndez de Texeda” co que o goberno local do PSOE celebrará o 8 de marzo, día internacional da muller. “Tratase dunha nova farsa do goberno local do PSOE, que despois de negarse a conceder a conciliación laboral ás súas propias traballadoras agora pretende lavar a súa imaxe con estas celebracións”, asegurou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Os nacionalistas presentaron no último Pleno unha moción reclamando que se permita a conciliación laboral do persoal municipal, que o goberno do PSOE negou. “Hipocritamente o PSOE apoiou a moción no Pleno logo de negarlle a conciliación ás traballadoras nos despachos”, censuran. “Queremos deixar constancia de que para o BNG a igualdade hai que practicala todo o ano e que non compartimos o carácter ritual que tanto PP coma PSOE queren darlle a este día”, explicou Del Río.

“O día da muller ten sentido como reivindicación diante da situación de discriminación que padecen as mulleres”, indicou. “Desde o BNG entendemos que a igualdade entre mulleres e homes é algo máis que o simple feito de que unha muller teña un traballo remunerado fóra da casa”.

“Falar de igualdade implica falar dos dereitos das mulleres, o dereito a decidir sobre o seu propio corpo, o dereito a cobrar o mesmo que un home que fai o mesmo traballo ou o dereito a elixir se quere e cando ser nai”, indican desde o BNG. “Cousas todas elas que o goberno do PSOE ignora deliberadamente, calcando as políticas do PP”, conclúen.

O BNG de Betanzos participará nas mobilizacións sociais convocadas con motivo do 8 de marzo

Ás 20h, no Obelisco, o BNG asistirá ao acto lúdico-festivo convocado pola Plataforma de apoio aos COF. As nacionalistas, xunto con outros movementos asociativos e o conxunto da veciñanza da área da Coruña, reclamarán que se restitúa o Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, do que Betanzos dependía, e que se garantan os dereitos sexuais e reprodutivos das muller. Desde o BNG recordan que xa presentaron no Pleno unha iniciativa neste sentido, “non temos constancia de que o goberno local levara a cabo ningunha medida de presión neste sentido”, explicou Del Río, “debe ser que isto non é unha prioridade para o goberno local do PSOE”.

Pola outra banda, o BNG participará mañá na mobilización nacional feminista con motivo do 8 de marzo. A manifestación partirá ás 12.30h da estación de tren de Santiago de Compostela.

Ademais o vindeiro día 19 de marzo, o BNG organizará a proxección do vídeo realizado pola Comisión de Acción Feminista do BNG, “E ti de quen vés sendo?” e un debate posterior. O acto terá lugar ás 20h no Salón Azul do Edificio Liceo.

O BNG critica a hipocrisía do PSOE no tema da igualdade