As festas non son excusa: di non ao machismo

cartel_igualdadefestas_PNG
As festas non son excusa: di non ao machismo

Como, cando e con quen vivir as festas é unha decisión propia que ten que ser respectada. No BNG queremos visibilizar situacións sexistas que son vividas con normalidade polos mozos sen decatarse das graves consecuencias que teñen na liberdade e a seguridade das mulleres.

O obxectivo é facer visíbeis as situacións que cuestionan as liberdades e dereitos das mulleres, para chamar a atención e remover conciencias.

Consideramos que as mulleres non poden ser un produto máis das festas, un reclamo máis. A avalancha de alcohol e drogas, xa de seu negativa para a saúde e a conciencia crítica do pobo, crea un ambiente de desenfreo e caos que avala, dito de forma entendible, o "todo vale". Mais as festas non son unha excusa nin vale todo.

As mulleres non poden ser un reclamo nin un número máis da programación festiva. É hora de avanzarmos como sociedade e poñer fin a actos que reproducen os peores estereotipos sexistas. Mais o machismo tamén está noutras moitas actitudes que se repiten a diario e se incrementan coas festas.

E dunha maneira especial se dan nos Caneiros, onde é fundamental o respecto: respecto á propia esencia da romaría fluvial, respecto ao medio natural no que se desenvolve e respecto a todas as persoas que participan na festa tanto no río coma no campo ou no camiño.

Nos Caneiros, como noutras festas, hai persoas que confunden o goce propio con actitudes pouco ou nada respectuosas cara outras. Agochan estes comportamentos baixo múltiples excusas, que teñen que ver con inercias vencelladas ao contexto festivo ou ao consumo de alcol ou outro tipo de drogas. As máis habituais nos Caneiros adoitan ser enlamar ou mollar a outras persoas en auga ou viño, racharlles a roupa, comentarios ofensivos e/ou degradantes, insultos, mofas e outras agresións verbais, falsos “piropos”, formas non solicitadas de contacto físico que incomoden, coaccionen ou violenten, etc.

Estamos, polo tanto, todos e todas, chamadas a actuar con responsabilidade para evitar que estes comportamentos enturben a máis orixinal de todas as nosas festas.

 

Por unhas festas libres de agresións sexistas

As festas son para que gocemos todas as persoas

Nas festas non todo vale

Nin o uso nin o abuso de ningunha droga xustifica unha agresión

Nas festas tamén NON segue a ser NON

Adopta unha actitude activa diante de agresións sexistas

Non as permitas!

 

As festas non son excusa: di non ao machismo