"O PSOE incumpre o seu plan de igualdade cunha carroza sexista ás portas do 8 de marzo"
Propuxemos no Pleno que lle deran o premio á Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto pero o PSOE cre que cunha faixa no Concello xa fixo canto debía en defensa dos dereitos das mulleres.
Betanzos, 7 de marzo de 2014. O BNG lamentou a falta de transparencia e información do goberno local do PSOE na concesión do premio Úrsula Meléndez de Texeda, que o Concello outorga en conmemoración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo de cada ano. Tivémonos que enterar polos medios de comunicación de cal era a persoa ou entidade galardonada, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Na reunión cos voceiros o alcalde apenas soubo explicarnos os méritos en base aos que o PSOE defendía a súa proposta, engade, e os outros grupos quedamos de facer propostas alternativas se as tiñamos. O BNG levou unha proposta a Pleno e nin sequera recibimos contestación por parte do goberno local sobre cal era a proposta escollida e por que, explica. Fártanse de falar de transparencia pero logo rara é a vez que a practican, engade.
Tivemos que coñecer polos medios a quen se lle outorgaba o premio do 8 de marzo, fixemos unha proposta que o goberno do PSOE nin sequera respostou
Os nacionalistas propuxeron que recibise o premio, pola súa loita en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. En Ourense, onde o PSOE non é exemplo de nada que non sexan conflictos internos e corruptelas, déronlle o premio que o Concello dá o 8 de marzo, pero en Betanzos o PSOE cre que cunha faixa no Concello xa fixo canto debía en defensa dos dereitos das mulleres, engade.
O do PSOE é pura hipocrisía, tanto no tema concreto do aborto como na igualdade en xeral, asegura o concelleiro do BNG. Aprobaron hai 3 anos nestas datas un plan de igualdade que continúan incumprindo reiteradamente e para o que se negaron a dispoñer un só euro, como o BNG reclamaba cunha alegación ao orzamento que o PSOE nin sequera quixo debatir, recorda.
A carroza do enterro da sardiña exhibíu o corpo da muller como reclamo, nunha escenificación sexista por parte do PSOE en vésperas do 8 de marzo
Os nacionalistas consideran que o executivo local salta continuamente por riba do plan de igualdade. Para mostra, a carroza do enterro da sardiña celebrado hai uns días, totalmente sexista e exhibindo o corpo da muller como reclamo explica. A mesma muller-obxecto que seguen fomentando nas festas de agosto co número da raíña das festas, con cartos públicos en ambos casos, engaden os nacionalistas. E isto a pesar de que o plan de igualdade propagandístico que aprobaron hai tres anos fala claramente de combatir estereotipos sexistas, ironiza Del Río.
Desde que empezou a lexislatura, o PSOE non fixo absolutamente nada para avanzar nos dereitos das mulleres, cos cartos que recibiron para igualdade e loita contra a violencia de xenero fixeron uns calendarios, denuncian os nacionalistas. Só lles interesa a igualdade para facer electoralismo e publicidade e na practica diaria no Concello fan exactamente o mesmo que o PP: raíña das festas e carrozas sexistas engaden. O colmo xa é que festexen o Día Internacional da Muller no momento de volta a 40 anos atrás nos dereitos das mulleres cun encontro de artesanía, cuestiona Del Río.
Concelleira de igualdade non temos, temos unha de igual-dá, que se tivese dignidade dimitiría
Por este motivo, desde o BNG reclaman á concelleira de Servizos Sociais, porque concelleira de igualdade non temos, temos unha de igual-dá, ironiza o voceiro nacionalista, que faga o favor de comprometerse realmente coa igualdade e deixar de usar os dereitos das mulleres como arma electoral ou que teña dignidade e dimita. Mentres tanto non asistiremos a ningún acto a avalar a hipócrita política de igualdade do PSOE", aclara.