O BNG reclamará no Pleno a cesión dun local e axudas para a loita contra a violencia machista
Non é de recibo que o Goberno local presente a bombo e platillo un plan de igualdade cando na práctica non se facilita a actividade das entidades que traballan neste eido
Betanzos, 20 de outubro de 2012. Esta mañá a concelleira do BNG María Otero, xunto a Victoria Louro e Henrique del Río, candidatos do BNG ao Parlamento Galego, reuníronse coa responsábel de Mirabal, asociación contra a violencia machista, nun encontro en que acordaron reclamar a cesión dun local público para a súa actividade e unha liña de subvencións específica para asociacións que traballan a prol da igualdade e contra a violencia machista.
Otero reclamou ao goberno local do PSOE un verdadeiro compromiso contra a violencia machista e para impulsar a igualdade. Non é de recibo que o Goberno local presente a bombo e platillo un plan de igualdade cando na práctica non se facilita a actividade das entidades que traballan neste eido, sinalou.
Parecenos cando menos hipócrita que o Goberno local prescinda das políticas dirixidas á loita contra a desigualdade baixo a recorrida escusa da austeridade, porque a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade de calquera goberno, tamén do Concello de Betanzos, expresou a edila do BNG. Por este motivo, o BNG presentou unha moción para debatir no vindeiro Pleno solicitando que se habilite unha convocatoria de subvencións específicas para asociacións que traballen no eido da loita contra a violencia machista e a igualdade, e que se doten dunha achega económica suficiente, para posibilitar a súa actividade que en moitos casos suple as carencias dos servizos públicos.
A continuación, a candidata do BNG ao Parlamento Galego, Vitoria Louro, incidiu na indefensión á que están sometidas as mulleres en xeral, e as vítimas da violencia machista en particular, por parte do Goberno municipal, do galego e do central, que terían que ser as que velasen pola súa protección no sentido máis amplo da palabra.
Louro salientou que de nada vale que, agora que imos vivir unha campaña electoral, as declaracións grandilocuentes en contra da violencia machista, se as súas declaracións non van acompañadas de feitos concretos, en clara alusión ao goberno local do PSOE. A nacionalista lamentou que, segundo o goberno local do PSOE, non hai recursos abondo para igualdade, pero si os hai para manter figuras como a da raiña das festas que perpetuan un rol feminino claramente discriminatorio por razón de xénero. Parecenos unha actitude tremendamente hipócrita por parte do PSOE manter este tipo de celebracións sexistas e ao mesmo tempo presentar en roldas de prensa plans de igualdade o día internacional da muller, engadiu.
Pola súa banda, a responsábel de Mirabal, Ana Saavedra, explicou que a asociación nace porque hai carencias en Betanzos que o goberno local non cubre e que a entidade está formada por familiares e vítimas de violencia de xénero. Para poder desenvolver os seus cometidos, entre os que están loitar contra a invisibilidade das vítimas, previr, apoiar e denunciar, diante da grande desprotección, invisibilización, pouca sensibilidade e até costume diante desta lacra social.
Saavedra explicou que o Concello denegounos todas as axudas e mesmo o uso dun local social para atender ás vítimas e familias. A xente páranos na rúa para contarnos os seus problemas e pedir asesoramento, e non podemos tratar estas cousas na rúa, asegurou. Neste sentido, contrapuxo a actitude do goberno local de Betanzos coa axuda que a asociación recibe e agradece do CIM de Coirós e de avogadas particulares implicadas na causa, que perden o seu tempo de lecer por asesorarnos, como Patricia Lage.
Dá a sensación de que se pretende esconder este problema, simulando que en Betanzos non hai vítimas de violencia de xénero, asegurou o voceiro municipal do BNG e candidato ao Parlamento Galego, Henrique del Río. Recordou que o BNG xa propuxo que o Concello crease unha partida específica para axudar ás vítimas e o goberno local, daquela do PP, negouse a creala porque xa había outras axudas de emerxencia social, que nada teñen que ver con esta problemática. Fai falla que os gobernos local e galego, o PSOE e o PP, pasen das palabras grandilocuentes aos feitos, asegurou.
Ademais, a cesión do uso dun local municipal a esta asociación para a súa actividade parecenos de xustiza xa que estan suplindo as carencias que o Concello ten neste eido, engadiu o candidato nacionalista, é simple vontade política, non esixe ningún gasto a maiores por parte do Concello, xa que hai locais baleiros que poderían utilizar e acábase de aprobar un regulamento de usos de locais sociais municipais que esperamos non quede en papel mollado.