O BNG solicita a supresión da figura da Raíña das Festas
Amelia Sánchez: “a figura da Raíña das Festas non ten cabida nunha sociedade igualitaria e democrática como a betanceira de 2022”
As nacionalistas pedirán tamén que se aclare a necesidade de contar con permisos para a navegación a través do Mandeo e, especialmente, cara ao campo dos Caneiros
Betanzos, 21 de xullo de 2022.- O BNG de Betanzos rexistrou unha moción que se debaterá na sesión plenaria da próxima semana e que ten como finalidade a supresión da figura da Raíña das Festas, ao consideralo un costume machista, non igualitario e clasista.
Segundo a voceira nacionalista no Concello de Betanzos, Amelia Sánchez, “as institucións públicas deben velar polo fomento dos valores democráticos e pola igualdade, tanto de xéneros como socio-económica. Na nosa opinión, esta controvertida figura non ten a ver con ningún destes valores e non pode ser apoiada e sufragada polo goberno local”.
As nacionalistas defenden que a Raíña das Festas é falsamente relacionada coa “Corte do Amor” que existía nos primeiros Xogos Florais de Betanzos de 1918 e que a súa orixe estaría nas postas de largo que popularizou a ditadura franquista na década dos 40.
A única finalidade deste acto sería “o lucimento económico e social das clases elevadas betanceiras e non debería ter cabida nunha sociedade igualitaria e democrática como é a que vivimos no Betanzos actual”, engadiu Sánchez.
Desde o BNG de Betanzos consideran que o debate sobre a persistencia da Raíña das Festas e da súa corte volve a ter presenza na rúa e a maioría das betanceiras considérano desigualitario e caduco. “Ningún goberno que se considere progresista pode impulsar e manter uns actos como estes, que é o que fixo e continúa a facer o goberno do PSOE”, remata Sánchez.
A navegación cara ao campo dos Caneiros
No mesmo pleno, o BNG tamén presentará unha iniciativa para clarificar a necesidade ou non de contar con permisos específicos para navegar no río Mandeo, especialmente no tramo que chega até o campo dos Caneiros.
Segundo as nacionalistas, “son moitos os patróns de embarcacións que nos trasladaron a súa preocupación pola petición dun permiso de navegación polo Mandeo”. Este permiso, que foi solicitado verbalmente polos axentes ambientais da Consellaría de Medio Ambiente, sería necesario por se incluír este tramo do río na Rede Natura.
Amelia Sánchez pediu ao Concello que inste a esta consellaría a aclarar a situación e, caso de seren necesarios eses permisos, que axilice os trámites para que as embarcacións poidan navegar sen problemas nas xiras aos Caneiros do próximo mes.
“Os ríos betanceiros foron e son unha fonte de riqueza para a cidade, limitar a navegación a través deles sería un erro”, engadiu.