O BNG esixe explicacións polo derrubamento do muro do Convento de Donas
Betanzos, 28 de xullo de 2022.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para pedir información pola desaparición dun dos muros que se conservaban do Mosteiro de Donas, en proceso de recuperación.
Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez “o goberno local tiña comunicado a través da prensa de que as obras que se desenvolven no Mosteiro de Donas ían conservar os dous arcos que, até que empezaron estas, sobrevivían no edificio. A pesar disto, un dos muros foi completamente demolido”.
Tal e como explican as nacionalistas, nas últimas xornadas o muro que quedaba en pé do corpo do edificio acaroado á estrada ao Mesón do Bento foi completamente demolido, dando ao chan co arco que, supostamente, se ía conservar.
O BNG pediu que se expliquen os motivos polos que os muros orixinais do mosteiro foron derrubados e se esta demolición conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.
Na mesma liña, cuestionan que tirar un muro orixinal dun edificio que data do século XII e construír outro no seu emprazamento sexa unha rehabilitación. “Con actuacións como estas, tirando elementos orixinais do noso patrimonio e construíndo sucedáneos, estase a empobrecer Betanzos como cidade e sociedade”, engadiu Sánchez.